No texto, presentado ante a Subdelegación do Goberno, advírtese dos severos prexuízos á biodiversidade, á paisaxe e á zona de Rede Natura que se vería afectadas
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda presentou en días pasados a súa alegación ao estudo de impacto ambiental e á solicitude de autorizción previa aos parques eólicos previstos na comarca de Deza, centrándose na afección das infraestruturas de evacuación previstas, que pasarían por zonas do termo municipal de Silleda, así como por Lalín e Vila de Cruces.
No texto, perante a área de Industria e Enerxía da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, o Concello de Silleda alerta de que as instalacións vulneran a directiva 92/43 da Unión Europea, relativa á conservación de hábitats naturais e de fauna e flora silvestres. Así, recóllese que as instalacións eólicas previstas afectarán de xeito severo a hábitats protexidos pola citada directiva europea, e que non consta a súa avaliación por parte das empresas promotoras.
Advírtese de impactos ambientais severos, con gran afección aos recursos hídricos (en concreto cunha flagrante vulneración da Directiva Marco da Auga) e da ausencia dun estudo hidrolóxico e hidroxeolóxico que garanta a non afección a acuíferos e á calidade das masas de auga.
Tamén se fai constar que o agrupamento de parques eólicos nun mesmo espazo multiplicará os efectos negativos sobre aves e quirópteros ao afectar a unha maior superficie do hábitat propicio para estas especies, cunha perda evidente de biodiversidade. Ademais das afeccións e o impacto sobre a avifauna, na alegación recollénse tamén os prexuízos significativos para os solos e o medio ambiente. Así, sinalase que proxectos eólicos coma o de Monte Porcallos son incompatibles cos usos e a fertilidade actual dos solos, que se verían alterados polas obras de construción e instalación dos eólicos perdendo a a súa aptitude agrícola, gandeira e forestal actual de xeito irreversible.
Alúdese tamén en concreto á afección da LAT a Silleda a zonas incluídas na Rede Natura e á afección severa aos núcleos de pobación. Así mesmo, advírtese que non se recolle no proxecto a avaliación do seu impacto sobre as poboacións afectadas nin sobre as zonas de alta aptitude agrícola e gandeira.
A afección severa á paisaxe na comarca de Deza súmase a outras afeccións patrimoniais caso do Camiño de Inverno. Na alegación do Concello de Silleda recóllese que a liña de evacuación prevista no caso do Monte dos Porcallos require cruzar o devandito Camiño de Inverno, para o que se deseñou a liña de evacuación subterránea nese tramo (en torno a 500 metros de liña subterránea), feito que é claramente insuficiente. Advírtese que a visibilidade das liñas de evacuación aéreas, subestacións e aeroxeradores, desde o Camiño de Inverno será constante ao longo dun 3 quilómetros de percorrido co cal o impacto paisaxístico xerado polos parques é incompatible cos valores culturais e paisaxísticos a preservar.
Recóllese tamén a afección da liña de evacuación a bens culturais de carácter arqueolóxico ou no caso de Silleda, ás igrexas de Ansemil, Breixa, Carboeiro, Saídres e Martixe. Tampouco se avalía nos proxectos a afección ao patrimonio cultural, tanto material como inmaterial.
Por todo isto, o Concello de Silleda súmase ás peticións para rexeitar os proxectos pola súa incompatibilidade cos valores ambientais, patrimoniais e paisaxísticos presentes na área de afección.
Comments