top of page

Silleda presenta sendos proxectos para a Praza da Bandeira e a creación dun camiño escolar seguro

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

Trátase de dúas iniciativas que suporán unha rexeneración urbana e promoverán, entre outros o aforro enerxético


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda vén de presentar nos últimos días senllos proxectos á convocatoria estatal do DUS 5000, de axudas para investimentos a proxectos singulares locais de enerxía limpa en municipios de reto demográfico, no marco do Plan de Recuperación,

Transformación e Resiliencia. Trátase de dúas iniciativas que concorren na medida 5 do citado programa, para iniciativas de mobilidade sostible, neste programa que se está a tramitar a través do Instituto para a Diversificación e o Aforro Enerxético (IDAE).

As propostas presentadas polo Concello de Silleda son a Mellora da Mobilidade peonil e rexeneración urbana no centro da Bandeira e o Camiño Escolar seguro cara ao IES Pintor Colmeiro. As dúas iniciativas contan ademais con financiación previa para realizar os proxectos por parte da Deputación de Pontevedra. Así, o proxecto de camiños escolares seguros, foi redactado no seu día co plan Camiña á Escola, -do organismo provincial- cun investimento previsto de máis de 400.000 euros. Prevense actuacións na rúa Tras da Igrexa e na estrada provincial EP-6517.


Mellorar o entorno

A creación de sendas seguras para as persoas, dotación de céspede natural, colocación de novas luminarias… figura nesta iniciativa para mellorar o entorno polo que cada día transita a veciñanza, en particular o alumnado do centro público de secundaria de

Silleda.


No caso da mellora da praza da Bandeira, o proxecto de actuación redactarase a través da subvención do Plan Ágora da Deputación. Dende o Concello de Silleda presentouse a iniciativa ao programa estatal a fin de lograr financiación para executar a obra, cunha axuda estimada a través do IDAE de máis de 800.000 euros.


A mellora tanto da praza da Bandeira como das rúas do seu entorno, busca rexenerar o centro da vila con distintas propostas que tamén teñen a mobilidade peonil e ao aforro enerxético como protagonistas. “Agardamos que estes dous proxectos que veñen de presentarse ao programa DUS 5000 poidan ser aprobados para seguir conquerindo novos

investimentos en Silleda e continuar apostando por un deseño urbano máis sostible”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.


Dende o Concello de Silleda continuarase a traballar no deseño de estratexias para acadar novas vías de financiación, a través dos fondos europeos, que permitan acometer tamén outras inversións e accións formativas.


“Estas convocatorias supoñen unha importante oportunidade para municipios como Silleda, por iso seguiremos traballando para conseguir a través deles financiación para levar a cabo máis iniciativas”, explica Cuiña.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page