Neste acto tamén se contou coa participación de dúas silledenses, a poeta Carmen Castro e a deportista e profesora Marta Aguirre, ademais de asistir persoas membras de asociacións de mulleres locais, colectivos culturais, veciñais e deportivos, entre outros
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda conmemorou o Día Internacional da Muller cun acto de presentación do V Plan de Igualdade, un documento que recolle múltiples accións e que se comezou a traballar a principios do ano pasado. Trátase dunha folla de ruta que seguir nos vindeiros anos para promover a participación das mulleres en todos os ámbitos municipais e fortalecer os valores igualitarios entre a veciñanza de Silleda.

A concelleira de Igualdade, Ángela Troitiño, foi a encargada de abrir este acto. No seu discurso destacou a relevancia que teñen as actividades programadas durante a semana do 8M, xa que axudan a reivindicar o papel das mulleres na sociedade.
Publicidade
A presentación do que e xa o quinto Plan de Igualdade do Concello de Silleda realizouna Paula Rivela, de Sororas, entidade que levou a cabo a redacción deste texto. Ademais de presentarse este plan, a capitana do Clube de Fútbol de Silleda de Veteranas, Marta Aguirre, tamén profesora do IES Pintor Colmeiro, leu o manifesto do 8M en nome da veciñanza. Este acto tamén incluíu a intervención da escritora silledense Carmen
Castro, a cal leu un dos seus poemas titulado “Vertixe”.
A alcaldesa, Paula Fernández, rematou o acto cun discurso no que expuxo a súa intención por lograr unha sociedade máis xusta e igualitaria, sempre na loita de obter unha igualdade real e efectiva e lembrou os pasos dados polo goberno, comezando por crear xa no ano 2007 a que foi a primeira Concellería de Igualdade de Silleda.
Consello de Muller
Do mesmo xeito, durante a súa intervención Fernández Pena anunciou o inicio dos trámites para a creación do Consello de Muller, no que estarán representadas as distintas forzas políticas, personal técnico municipal, e representantes das asociacións de mulleres e de todos aqueles colectivos que conten con áreas de igualdade. “Con esta entidade traballarermos tamén para a posta en marcha de políticas activas para o fomento da
igualdade na sociedade silledense”, explicou a alcaldesa.
Publicidade
A este acto asistiron persoas pertencentes a asociacións de mulleres, culturais e veciñais, e deportivas entre outras ademais de persoal municipal e das distintas forzas políticas.
O programa “8M/365” remata este domingo día 10 co concerto feminista “As mulleres dámos a nota”, no cal a pianista Andrea García González tocará diferentes cancións sobre a igualdade de xénero. Trátase dunha actuación na que se mestura música en directo coa intervención de mulleres que lerán un fragmento da letra das cancións. Será ás 12:30 horas na praza Siñor Afranio e en caso de choiva no hall da Casa do Concello.
Comments