top of page

Silleda presenta a súa candidatura á Bandeira Verde

Faino o foco na Axenda 2030 e no seu compromiso cun modelo de desenvolvemento sostible


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda presenta por segundo ano a súa candidatura ao distintivo Bandeira Verde, e faino cunha novidade destacada: a integración da Axenda 2030 como eixo vertebrador da acción municipal e ferramenta de planificación estratéxica cara a un desenvolvemento sostible, inclusivo e respectuoso co medio ambiente. A memoria para concorrer a esta distinción foi aprobada na Xunta de Goberno celebrada o pasado venres.


O Concello conta xa cun Plan Estratéxico de Localización e Implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), que permite aliñar todas as políticas locais cos retos globais, medir o impacto das actuacións e reforzar unha visión transversal que conecta as dimensións ambiental, social e económica do desenvolvemento sostible. A este compromiso súmase a aprobación por unanimidade, en pleno, da declaración institucional a prol da Axenda 2030 e a adhesión á Rede de Entidades Locais para a Axenda 2030, promovida pola FEMP.

A memoria presentada recolle as principais accións desenvolvidas polo Concello nos últimos anos. Entre elas, destacan o Plan de Mobilidade Urbana Sostible, implantado en 2019, que fomenta os desprazamentos a pé e en bicicleta, reduce o uso do vehículo privado e mellora a accesibilidade. Tamén o Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible (PACES), que establece o obxectivo de reducir un 40 % das emisións de gases de efecto invernadoiro antes de 2030 e inclúe medidas de mitigación e adaptación ao cambio climático.


O documento incorpora tamén o Plan de Emerxencia e Xestión do Risco de Seca, centrado na anticipación e prevención ante posibles episodios de escaseza de auga, e o proxecto de rede de calor municipal a través de biomasa, que permite o autoabastecemento enerxético de varios edificios públicos con fontes renovables, reducindo así a pegada de carbono.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Outro dos aspectos destacados na candidatura é o avance na xestión sostible dos residuos orgánicos. O Concello de Silleda completou a implantación total dos contedores específicos para a recollida separada da fracción orgánica en todo o municipio, medida que se complementa cun programa de compostaxe doméstica que conta xa con máis de 600 composteiros entregados, así como con campañas formativas e de sensibilización cidadá. Estímase unha xeración media anual de 289.100 kg de materia orgánica, o que permite reducir de maneira significativa os residuos destinados a vertedoiro.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, subliña que esta segunda candidatura, despois de convertirse en 2024 nun dos 3 municipios da provincia en conseguilo, “non é só unha continuidade, senón un paso adiante nun modelo de xestión máis ambicioso, estruturado e consciente dos desafíos ambientais e sociais actuais. A Bandeira Verde recoñecería o traballo sostido que vimos facendo como Concello e como comunidade, e sería un aval ao noso compromiso firme cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible”.



Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page