top of page

Silleda move solo empresarial no polígono Área 33 para facilitar novos investimentos

O Concello adxudica dúas parcelas municipais a Coesco Deza e Fariña Maquinaria por preto de 192.000 euros


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda dá un novo paso na dinamización do polígono empresarial Área 33 coa adxudicación de dúas parcelas municipais a empresas vinculadas ao tecido produtivo local. A operación, aprobada pola Xunta de Goberno Local, permitirá poñer en uso solo

empresarial que ata o de agora permanecía sen actividade efectiva. As parcelas foron adxudicadas mediante poxa pública a Coesco Deza S.L.U. e Fariña Maquinaria S.L., por un importe conxunto de 191.925,48 euros, IVE incluído.


A alcaldesa de Silleda, subliña que esta actuación “non é só unha venda de solo, senón unha decisión para activar recursos municipais, apoiar a actividade económica e facilitar que as empresas poidan medrar aquí, en Silleda”.

Fernández Pena destaca que “cada metro cadrado que se activa no polígono é unha oportunidade máis para xerar actividade, emprego e futuro no noso concello”. Neste sentido, lembra que o Área 33 é un espazo clave para a captación de investimentos e para a consolidación de empresas xa asentadas ou vinculadas ao municipio.


En concreto, o lote 1, correspondente á segregación da parcela 544, cunha superficie de 991 metros cadrados, foi adxudicado a Coesco Deza S.L.U. por un importe total de 73.508,83 euros. O lote 2, correspondente á parcela 746, cunha superficie de 1.551,51 metros cadrados, foi adxudicado a Fariña Maquinaria S.L. por un importe total de

118.416,65 euros.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Desde o Concello incídese en que esta operación responde a unha xestión activa do patrimonio municipal, evitando que parcelas con capacidade produtiva permanezan sen uso cando poden contribuír á dinamización económica do termo municipal. “Temos que ser capaces de converter os recursos públicos en oportunidades reais. E iso tamén pasa por mobilizar solo empresarial cando non ten unha finalidade pública inmediata e pode servir para impulsar actividade económica”, sinala a alcaldesa.


Os ingresos obtidos non poderán empregarse para calquera gasto ordinario, senón que deberán reinvestirse en actuacións vinculadas ao solo e ao interese público municipal. Entre outros fins, poderán destinarse á creación ou mellora de solo para actividades económicas, á conservación e ampliación do propio patrimonio municipal do solo, a actuacións urbanísticas de interese social, á mellora do medio ambiente, do medio rural ou do patrimonio construído, e tamén a políticas públicas de vivenda protexida.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe e contacta con nós!
Preme na imaxe e contacta con nós!

Deste xeito, o Concello transforma parcelas que estaban sen uso nun novo recurso para seguir impulsando actuacións útiles para Silleda, especialmente aquelas que permitan mellorar o territorio, apoiar a actividade económica e reforzar a capacidade municipal para desenvolver novos proxectos.


O procedemento tramitouse mediante poxa pública, garantindo os principios de publicidade, concorrencia e transparencia. As empresas adxudicatarias deberán facer efectivo o pagamento no prazo máximo dun mes desde a recepción da notificación do acordo, paso previo á formalización das correspondentes escrituras públicas de compravenda.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page