Por outra banda, este Concello visibiliza o trastorno do espectro autista
Laura Moure/Silleda
O servizo Silleda Sostible, de recollida de residuos, vén de estrear novo vehículo.Trátase dun novo camión para a recollida de enseres e voluminosos, que mellorará este servizo que se presta de maneira grauita á veciñanza. O novo vehículo, que chegaba este mércores a Silleda, conta con elevador de carga para facilitar as labores do personal que se encarga deste servizo, e servirá tamén para realizar as tarefas de recollida de papel-cartón en establecementos, un servizo tamén de balde que se presta dende o Concello de Silleda para o comercio e a hostalería.
A recollida de enseres préstase nas xornadas dos mércores, día de apertura do Punto Limpo (abre mércores e sábados de 9:00 a 14:00 horas). Para facer uso do mesmo, as persoas particulares deben de chamar ao teléfono 615 493 795, de luns a venres en horario de 9:00 a 13:00 horas. O personal do servizo indicará á persoa usuaria onde e cando depositar os enseres e voluminosos para a súa posterior recollida.
Así mesmo, o alcalde Manuel Cuiña, e a concelleira de Medio Ambiente, Pili Peón, que onte participaron na presentación do novo vehículo xunto ao personal da empresa concesionaria, avanzaron que nos vindeiros días se iniciará unha campaña de divulgación e información sobre a correcta reciclaxe de residuos, que chegará a todos os domicilios e que se irá implementando con outras actividades de difusión.
Por outra banda, o Concello de Silleda, a través do departamento de Benestar que dirixe Ángela Troitiño, iniciou onte unha campaña con motivo do Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo, que se conmemora o vindeiro domingo 2 de abril. Ademais da difusión a través de cartelería en espazos públicos e nas Redes Sociais, tamén no propio departamento de Benestar se conta cun apartado adicado a esta efeméride social adicada a este trastorno.
Dende Benestar houbo xa contacto con varias familias silledenses con menores que teñen Necesidades Educativas Especiais, e a día de hoxe estánse xa a valorar propostas de cara a facer nun futuro un programa integral para persoas con neurodiversidade.
Commenti