Cun orzamento de case 89.000 euros, as obras permitiron cambiar 203 luminarias en lugares como a N-525 ao seu paso por Lamela, Mera ou Bandeira
Laura Moure/Silleda
Varias zonas do concello de Silleda contan xa con nova iluminación ao abeiro dunha subvención de 88.750 euros procedente do IDAE e que foi xestionada pola Deputación de Pontevedra. Con estes fondos europeos o municipio logrou un aforro enerxético de case o 60% en distintas vías, como a N-525 ao seu paso polo lugar de Lamela. Alí trasladáronse o deputado de Cooperación, Santos Héctor, e o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, xunto á concelleira de Medio Ambiente, María del Pilar Peón, para visitar estas obras de renovación do alumeado público.
As actuacións realizáronse sobre 203 puntos de luz situados en diversas zonas como a xa mencionada N-525, a PO-201 ou as vías que unen os lugares de Lamela, Bandeira e Calzada así como Cortegada e O Burgo. Instaláronse luminarias con tecnoloxía LED, máis respectuosas co medio ambiente e cunha duración estimada de 100.000 horas, que contan cun sistema que permite reducir o fluxo luminosos nas horas de menor uso. Con elas tamén se diminúe a potencia instalada mantendo a calidade de iluminación e mellorando a eficiencia das instalacións.
A institución provincial continúa así a actuar en liña en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 -cuxo sétimo fito é garantir o acceso a unha enerxía accesible, segura, sostible e moderna- ao tempo fai unha labor de concienciación social a prol de reducir a pegada de carbono na provincia.
A Deputación xestionou estas axudas europeas para renovación de iluminación exterior diante do IDAE, que distribúe en España parte do programa operativo FEDER. Para elo acolleuse á convocatoria para proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono. As axudas están encadradas dentro do Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) para o período 2014-2020 elaborado pola Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda e Función Pública do Goberno de España.
Comments