top of page

Silleda logra outra subvención europea para executar o Camiño Escolar ao IES Pintor Colmeiro

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

Con este investimento, que supera 430.000 euros, toda a zona quedará humanizada e con sendas peonís, completando as que se exectuarán en breve dende a rotonda da Muller Labrega ata Toiriz


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda vén de acadar outra axuda con fondos europeos, neste caso a través do programa DUS 5000 de Axudas para investimentos a proxectos singulares locais de enerxía limpa en municipios de Reto Demográfico. Trátase da execución do Camiño Escolar Seguro ao IES Pintor Colmeiro de Silleda, unha proposta que ademais das obras en dous tramos urbanos de Silleda, inclúe un plan de dinamización con distintas actividades ligadas á mobilidade sostible e segura.


A actuación suporá un investimento total de 431.422,55 euros, para a mellora de dous tramos: rúa Tras da Igrexa e rúa Forcarei. A través do DUS 5000 achegarase unha axuda de 254.492,71 euros, aportando o Concello de Silleda a cantidade restante.


Ademais da humanización da rúa Forcarei e a súa mellora, tamén se actuará na denominada rúa Tras da Igrexa, onde se inclúe a dotación dunha pequena praza cunha fonte. Así mesmo, colocarase mobiliario urbano e renovarase toda a iluminación en toda a zona incluída nas obras. O deseño foi realizado pola arquitecta silledense Natalia Campos, que dirixiu a redacción do plan de implementación do Camiño Escolar Seguro ao IES Pintor Colmeiro, unha iniciativa que botou a andar no curso 2018- 2019.

Natalia Campos, Manuel Cuiña, Ángela Troitiño, Pili Peón e Mónica González.

Foi daquela cando o Concello de Silleda recibiu unha subvención de 25.000 euros da Deputación de Pontevedra para levar a cabo este fermoso proxecto, con dúas partes diferenciadas: un plan de dinamización no que se propuxeron actividades para fomentar a mobilidade sostible e segura a través dun proceso participativo cos axentes locais e un proxecto técnico no que o equipo redactor contou coa colaboración de unha comisión de deseño composta por rapaces e rapazas de 1º da ESO do centro.


“Na primeira fase levouse a cabo un interesante proceso no que participaron ademais de toda a comunidade escolar do IES Pintor Colmeiro, a quen agradecemos a súa implicación, colectivos como Cogami, Woorking Wheels ou ECOS, ademais de personal municipal e a propia Policía Local”, comenta o alcalde, Manuel Cuiña, que visitou a zona

acompañado da autora do proxecto, Natalia Campos e das concelleiras Ánxela Troitiño, Pili Peón e Mónica González. O alcalde destaca o alto grado de implicación do alumnado no proceso de deseño e dinamización do Camiño Escolar, que propuxo ideas como a praza e a fonte e que mesmo realizou in situ medicións dos tramos.

Preme na imaxe se queres contactar connosco!

Tamén na xornada do 30 de maio de 2019 pechouse a 2ª fase do proceso participativo cunha ruta colectiva dos alumnos, alumnas, pais, nais e mestres, a pé, en bicicleta e monopatín. “Non só se mellora en seguridade, senón tamén en accesibilidade, aforro

enerxético, e mobilidade sostible, promovendo asimismo entre a poboación máis nova hábitos de vida saudables”, indica Cuiña.


A conclusión principal en canto ao resultado da fase de dinamización é a necesidade de levar a cabo actuacións que recuperen o espazo público para as persoas, por un lado acondicionar fisicamente os espazos urbanos, máis tamén fomentar o seu uso con actividades e accións que xunten as persoas nas rúas. Moitas das persoas usuarias do centro de Secundaria así como a veciñanza residente na zona e toda a poboación de Silleda en xeral se verá beneficiada con esta nova axuda lograda polo Concello de Silleda.


Unha vez executada a obra, tamén está previsto desenvolver o plan de dinamización, fomentando o uso desta ruta entre a comunidade educativa. Así mesmo, esta actuación virá a complementar a humanización da rúa Chousa Nova e a dotación de sendas peonís na EP -7201, dende a N-525 ata Toiriz, no mesmo entorno do Camiño Escolar Seguro. Preténdese que este proceso xunto con outros que xa se están levando a cabo na vila, sexan o inicio dun novo xeito de entender os espazos urbanos da vila, buscando solucións máis respectuosas co medio e coas persoas, porque uns espazos urbanos e unha mobilidade amable repercute moi positivamente na calidade de vida e das relacións de toda a veciñanza.


Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page