O pasado mércores abonáronse os 314.267 euros cos que queda zanxado o préstamo de máis de 1 millón de euros que se pediu co Plan de Pago a Proveedores,nno 2012
Laura Moure/Silleda
A contabilidade municipal do Concello de Silleda inicia unha nova era, logo de que a pasada semana se completara o pago do que crédito que aínda se estaba a pagar do Plan de Axuste imposto polo Goberno do Estado no ano 2012. O pasado mércores abonáronse un total de 314.267 euros que restaban dese préstamo, un dos dous que se solicitaron na citada anualidade. “Con esta operación queda zanxado o plan de axuste ao que este Concello se viu sometido na última década por mor da mala xestión que deixou unha desfeita na contabilidade con centenares de facturas acumuladas nun caixón”, indica o alcalde e responsable municipal de Facenda, Manuel Cuiña.
O Consistorio silledense.
O pasado ano liquidouse outro préstamo de 38.014 euros e con esta última operación queda pechado o de Plan de Pago a Proveedores, polo que se solicitaron no seu día máis de 1,1 millóns de euros. “A toda esta cantidade hai que sumar o pagos de sentenzas por impago cos correspondentes intereses”, engade o rexedor, que amosa a súa satisfacción “por deixar definitivamente atrás unha etapa complicada na que este Concello estivo mesmo a punto a ser intervido polas autoridades estatais pola súa pésima situación económica.
Esa medida imposta dende o Goberno central para o periodo 2012-2022 supuxo a adopción de diversas medidas de carácter económico e un endebedamento en dúas fases, -do chamado plan de pago a proveedores- cun crédito de algo máis de 1,1 millóns de euros e outro de 38.014 euros, implicando unha serie de medidas cada un deles. Ademais de informes anuais sobre o cumprimento do plan, o Concello de Silleda leva sometido ao control do Ministerio de Facenda dende aquela e con axustes e restricións en distintas áreas municipais, derivadas do famoso Real Decreto Lei 4/2012, para equilibrar a contabilidade municipal. Silleda di adiós ademais ao Plan de Axuste case dous anos antes do tempo previsto, tendo en conta que remataba en decembro de 2022.
Operacións históricas
As operacións de crédito fixéronse, por primeira vez na historia do Concello de Silleda, con cargo a remanente de tesourería, “algo que é posible grazas á boa xestión económica dos últimos anos que nos permite, ademais de afrontar inversións, ter un saldo positivo para afrontar este tipo de pagos”, afirma Cuiña. A primeira delas foi en abril de 2019, co abono do crédito máis pequeno do plan de axuste, e a segunda agora, grazas á boa situación financieira das arcas municipais. “Grazas á xestión realizada nas últimas lexislaturas e a que se segue a facer a día de hoxe, xunto ca contención no gasto, a situación económica do Concello de Silleda cambiou por completo, tal e como se vén desprendendo das liquidacións orzamentarias dos últimos anos”, explica o rexedor.
Ademais, sinala que “os números vermellos desapareceron das contas municipais en Silleda. E a día de hoxe, ademais de afrontar investimentos podemos liquidar préstamos en base aos bos resultados, en lugar de pedir outro crédito como se ten feito noutros tempos”, explica o alcalde, Manuel Cuiña, advertindo que “por fin Silleda deixará de ocupar titulares polas débedas pasando a ser un dos Concellos menos endebedados de Galicia”. Dende o ano 2014 as liquidacións das contas foron pechándose con saldo positivo que foi aumentando de xeito progresivo ata acadar cifras como a deste ano. A liquidación de contas de 2020 arroxou un superávit de máis de 1,3 millóns de euros.
Esforzo colectivo
Do mesmo xeito, Cuiña agradece á toda a veciñanza de Silleda o esforzo realizado no seu día, cando co Plan de Axuste se puxo en marcha, entre outros, unha forte restrición no alumeado público co apagados de máis de 900 puntos de luz. “Un dos servizos no que houbo máis recortes foi no alumeado público, cun plan de aforro que deu os seus froitos e que permitiu ir repoñendo puntos de luz”, indica o alcalde.
Comments