Silleda licita o servizo de desbroces de verán para reforzar a limpeza viaria en todo o municipio
- Laura Moure

- 13 feb
- 2 min de lectura
O contrato atópase publicado na Plataforma de Contratación do Sector Público e as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro luns, día 23
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de sacar a licitación o contrato do servizo de roza e limpeza de cunetas, beiravías e noiros dos camiños de competencia municipal, que se executará durante os meses de xuño, xullo e agosto en todo o termo municipal. O contrato atópase publicado na Plataforma de Contratación do Sector Público e as empresas interesadas
poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro luns, día 23.

A Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de contratación deste servizo, que se tramita mediante procedemento aberto simplificado, cun orzamento base de 76.841,70 euros máis IVE, o que supón un importe total de 92.978,46 euros.
Publicidade
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, explicou que este contrato permitirá “reforzar o traballo que realizan os tractores municipais durante o resto do ano, intensificando as actuacións de desbroce e limpeza nos meses de maior crecemento da vexetación”. A rexedora subliñou que “o obxectivo é mellorar a seguridade viaria e a necesaria limpeza das pistas, especialmente no rural, onde a vexetación medra con máis forza durante o verán”.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Fernández Pena engadiu que este servizo complementa os medios propios do Concello, permitindo chegar a máis puntos do municipio nun período clave. “Con este reforzo garantimos unha actuación máis áxil e eficaz, dando resposta ás necesidades das parroquias e dos núcleos de poboación durante os meses de maior carga de traballo”, indicou.
Publicidade
O contrato inclúe a roza e limpeza das marxes dos camiños municipais, cunetas, beiravías e noiros, seguindo os criterios recollidos nos pregos de cláusulas administrativas e técnicas aprobados pola Xunta de Goberno Local. Tal e como establece a normativa vixente, o anuncio de licitación e toda a documentación do procedemento están dispoñibles no Perfil do Contratante do Concello de Silleda, aloxado na Plataforma de Contratación do Sector Público.








Comentarios