A estrada nacional córtase este venres pola tarde e estara ata a madrugada do luns con motivo das Festas de Verán
Laura Moure/Silleda
A estrada N-525 ao seu paso pola localidade da Bandeira (Silleda) volverá pecharse ao tráfico un ano máis con motivo das Festas de Verán. O Ministerio de Transportes e Mobilidade aceptou a solicitude formulada dende o Concello para proceder ao corte entre este venres día 23 (a partir das 16:00 horas) e ata a madrugada do vindeiro luns 26.
Dende o goberno municipal agradécese á Administración central que volvan permitir o desvío do tráfico, unha medida moi necesaria por motivos de seguridade dada a gran afluencia de persoas que se achegan durante estes días á localidade. Así mesmo, e ao igual que en anos anteriores, faise un chamamento á colaboración cidadá lembrando que está prohibido parar e aparcar en todas as rúas nas que se habilitará o desvío (primeiro tramo de Fernando Penoucos, rúa do Parque e o tramo de Ramón de Valenzuela, dende a rúa do Parque ata o enlace novamente ca estrada nacional ). Solicítase a colaboración cidadá para respectar as sinais de tráfico e lograr que as festas transcorran sen
contratempos.
Ademais de bandos informando dos cortes, que xa se colocaron por toda a vila a semana pasada, tamén se colocarán novamente avisos para lembrar aos veciños e visitantes a prohibición de estacionar nas rúas nas que se habilita o desvío durante as tres xornadas e nas tamén se procederá nas próximas horas á retirada de colectores de lixo, xa que non pode haber ningún obstáculo nin vehículos no arcén.
O venres, antes de proceder ao corte da estrada nacional para habilitar, tamén se fará efectiva a prohibición de estacionar na rúa Xeral, en plena nacional, dende as 14:00 horas.
Corte de rúas e restriccións de estacionamento
Por outra banda, dende hoxe, mércores día 21, tamén se producirán restriccións na circulación e estacionamento de vehículos. Así, dende hoxe e ata o venres ao mediodía estará prohibido estacionar e circular na rúa Camilo José Cela.
Publicidade
Na xornada do xoves 22, tampouco se poderá estacionar en Agro do Valo (onde se celebrarán ese día actividades infantís), dende as 11:00 horas. O tramo estará pechado tamén ao tráfico durante as actividades. Na rúa da Empanada, ata o cruce ca rúa Lavadoiro, non se poderá circular nin estacionar nas xornadas do sábado 24 e domingo 25, cómo xa ven sendo habitual nos últimos anos. A rúa Lourás, dende o cruce con Travesía de Vista Alegre Rúa Lourás é outra das vías afectadas.
Dende o Concello de Silleda vénse traballando nos últimos días en coordinación ca Asociación Amigos da Festa da Empanada da Bandeira, que organiza o evento, para artellar todo o operativo de seguridade e montaxe das celebracións, ca Festa da Empanada na xornada do sábado 24 como prato forte do amplo programa de actividades.
Aparcadoiros
Durante as festas habilitarase tamén dúas zonas de estacionamento: fronte ao Centro Cultural Vista Alegre, con acceso dende a rúa Xeral e outro na rúa Maceira Boa.
Comments