Silleda lembra a prohibición de estacionar durante a fin de semana no desvío da N-525 na Bandeira
- Laura Moure

- 15 ago 2023
- 2 min de lectura
A estrada nacional córtase este venres pola tarde e estarao ata a madrugada do luns con motivo das Festas de Verán
Laura Moure/Silleda
A estrada N-525 ao seu paso pola localidade da Bandeira volverá pecharse ao tráfico un ano máis con motivo das Festas de Verán. O Ministerio de Fomento aceptou a solicitude
formulada dende o Concello para proceder ao corte entre este venres día 18 (a partir das 16:00 horas) e ata a madrugada do vindeiro luns 21.
Dende o goberno municipal agradécese á Administración central que volvan permitir o desvío do tráfico, unha medida moi necesaria por motivos de seguridade dada a gran afluencia de persoas que se achegan durante estes días á localidade. Así mesmo, e ao igual que en anos anteriores, faise un chamamento á colaboración cidadá lembrando que está prohibido parar e aparcar en todas as rúas nas que se habilitará o desvío (Fernando Penoucos, rúa do Parque e o tramo de Ramón de Valenzuela). Solicítase a colaboración
cidadá para respectar as sinais de tráfico e lograr que as festas transcorran sen contratempos.

Ademais de bandos informando dos cortes tamén se colocarán avisos para lembrar aos veciños e visitantes a prohibición de estacionar nas rúas nas que se habilita o desvío durante as tres xornadas.
Tamén dende este venres e ata a madrugada do luns quedarán cortadas ao tráfico, ademais da rúa Xeral, o tramo entre a rúa da Empanada e rúa Lavadoiro; a rúa Lourás (no tramo dende a rúa do Parque ata a Xeral); e todas aquelas rúas que rodean a praza da Feira.
Publicidade
Por outra banda e como vén sendo habitual nos últimos anos, o luns día 21 é festivo local no municipio de Silleda con motivo das Festas de Verán da Bandeira.
Corte de rúas
En canto ao corte de rúas, infórmase que dende as 14:00 horas da xornada do mércores 16 e ata o xoves pola mañá a rúa Camilo José Cela quedará pechada ao tráfico. A rúa do Parque cortarase na xornada do xoves 17 no tramo entre Agro do Valo e Ramón de Valenzuela, de 14:00 a 22:00 horas, con prohibición de estacionar por motivo das actividades acuáticas.
Dende o xoves 17 ata o luns 21 a rúa da Empanada ata o cruce con rúa Lavadoiro permanecerá cortada. Tamén estará prohibido estacionar nesta rúa o sábado 19.







Comentarios