Busca fomentar a participación cidadá e fortalecer o tecido comunitario
Laura Moure/Silleda

Coincidindo co Día Internacional das Persoas Voluntarias, o Concello de Silleda realizará o lanzamento do seu Plan Municipal de Voluntariado, aprobado o pasado mes de outubro. Esta iniciativa busca fomentar a participación cidadá e fortalecer o tecido comunitario a través do voluntariado. Así, este xoves 5 de decembro, data na que se celebra o día internacional das persoas voluntarias, o Concello de Silleda levará a cabo sesións informativas na rúa para achegar o plan á veciñanza. Durante toda a xornada, haberá un punto informativo na praza Siñor Afranio, fronte a casa do Concello, con onde se ofrecerá información detallada sobre o Plan de Voluntariado, así como sobre as diferentes oportunidades para implicarse nas actividades comunitarias.
Formación para Voluntariado Social e Cultural
Nesta primeira etapa informativa, farase especial fincapé no voluntariado social, coa fin de establecer un plan de loita contra a soidade non desexada durante este Nadal, así como no voluntariado para participar nas distintas actividades culturais e deportivas programadas para as vindeiras datas. Estas áreas foron seleccionadas debido á súa relevancia e impacto inmediato na comunidade. Todas as persoas que se anoten recibirán formación específica para garantir unha intervención eficaz e adecuada nas distintas actividades.
Publicidade
Ademais, o Concello de Silleda xa conta cun grupo de persoas voluntarias na xestión de colonias felinas, un exemplo do compromiso e da capacidade organizativa da comunidade local. Dende o Concello, a alcaldesa, Paula Fernández, anima a todas as persoas interesadas a unirse e colaborar nestas e outras áreas de voluntariado e a
coñecer máis sobre esta actididade, e se así o desexan, inscribirse como persoas voluntarias. A participación activa da comunidade é esencial para o éxito deste plan e para seguir construíndo unha Silleda máis solidaria e unida.
Comments