O proxecto consta dun xogo de habilidade e unha exposición fotográfica, que recolle algúns dos recursos naturais, arquitectónicos, etnográficos e paisaxísticos máis destacados deste Camiño
Laura Moure/Silleda
Completar a peregrinación do trazado galego da Vía da Prata, desde A Mezquita ata Santiago de Compostela. Este é o reto que expón a Instalación Interactiva Vía da Prata, que poderá visitarse na Praza da Igrexa de Silleda do 11 ao 18 de outubro. O desafío sería sinxelo, se non fose polos numerosos atractivos nos que o peregrino pode, literalmente, caer atrapado ao longo do percorrido. A Instalación Interactiva Vía da Prata é un proxecto apoiado polo programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia e desenvolvido pola empresa de construción de decorados, casetas e exposicións, Banale.

O seu obxectivo é divulgar os principais atractivos da Vía da Prata dunha forma lúdica, a través dun xogo de habilidade e unha exposición. Así, a instalación inclúe algúns dos bens máis destacados do extenso catálogo patrimonial deste Camiño: espectaculares contornas naturais, elementos da cultura popular, recursos gastronómicos ou monumentos, que son promocionados dunha forma interactiva, apostando pola diversión e a participación.
A peza central é un xogo en gran formato deseñado en madeira e metacrilato. Os usuarios que acepten o reto deberán servirse de dúas cordas para manipular a un peregrino de madeira e lograr que este traslade unha pequena pelota desde A Canda ata Compostela. Maña e atención son fundamentais para evitar que o peregrino se salga do percorrido e caia atrapado nos numerosos atractivos que atopará ao longo deste Camiño.
Estrutura desta iniciativa
A estrutura do xogo conta con dous partes. O seu panel inferior traslada, a través de ilustracións, algúns dos puntos de interese máis destacados da Vía da Prata: desde o triángulo do Entroido de Ourense ata o Mosteiro de Oseira, a Empanada de Bandeira ou a espectacular Fervenza doToxa. O panel superior, elaborado en metacrilato e con múltiples orificios, describe o propio trazado do roteiro, que os usuarios deben seguir, evitando caer atrapados nos buracos das ilustracións.
Coa finalidade de ampliar a función promocional e didáctica do propio xogo, a instalación complétase con paneis expositivos que, a través de fotografías e pequenos textos en galego e inglés, explican as distintas ilustracións. A de Silleda será a última parada da Instalación Interactiva Vía da Prata, que desde o pasado13 de setembro xa visitou os concellos de Boqueixón, Allariz, Monterrei e Vedra, divulgando con gran éxito de participación os atractivos deste Camiño.
Comments