Ademais de mellorar o cerre e colocar un novo panel, instalaranse sinais indicativas para chegar ata este xacemento, un dos máis antigos de Galicia
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda continúa apostando pola sinalización e posta en valor do seu amplo Patrimonio arqueolóxico. Así, e novamente a través da liña de axudas da Deputación de Pontevedra para a Rehabilitación e Sinalización do Patrimonio Histórico-Cultural, a seguinte actuación terá como protagonista a Mámoa da Chousa Nova-1, sita en Campomarzo, na parroquia de Abades.
O túmulo foi escavado, desmontado e posteriormente remontado no seu lugar orixinal entre os anos 2007 e 2010, durante as obras de construcción da liña do Tren de Alta Velocidade (TAV) Ourense-Santiago.
A mámoa de Chousa Nova.
Autor: Wikipedia
Para continuar ca súa posta en valor, acometerase este proxecto que inclúe limpeza, nova sinaléctica e reparación do peche de madeira que rodea o recinto e que se atopa danado nalgún punto. En canto á sinalización, colocaranse un novo panel explicativo, que incluirá textos e códigos QR redactados e supervisados por un arqueológo/a, na área de protección deste elemento.
Tamén se colocarán paneis indicativos direccionais para chegar ata o lugar, na Bandeira e no cruce de Campomarzo. Haberá un control arqueolóxico tanto da limpeza do terreo coma dos desterres para a colocación dos soportes.
Custe total
O custe total do proxecto, que se vén de presentar á liña de actuacións da Deputación para a posta en valor deste Patrimonio, é de 5.500 euros, e será acometido pola empresa Acitania Arqueoloxía, logo da correspondente tramitación deste contrato menor. Logo da confirmación da axuda da Deputación de Pontevedra o pasado mes de decembro, dende o Concello iniciáronse os trámites pertinentes ante o organismos como o ADIF, propietario dos terreos, e a Dirección Xeral de Patrimonio, que debe autorizar os traballos. “Con esta iniciativa queremos continuar poñendo en valor o legado arqueolóxico de Silleda, de gran valor, logo de mellorar a sinalización dos petroglifos e outros xacementos da zona sur do municipio nos últimos anos”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.
Durante os traballos de excavación do túmulo, que os expertos sitúan entre o ano 4340 e o 4260 a.C., converténdoa nunha das cámaras megalíticas máis antigas das datadas ata o momento en Galicia, atopáronse pezas de gran valor. Así, no interior da cámara atopouse un colar de doas de ámbar e variscita, que dá conta da existencia do intercambio comercial nesta época prehistórica. A peza foi a máis antiga das recollidas na mostra Galicia, un relato no mundo, que estivo hai uns meses no Gaiás.
Comments