Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda iniciou, a través do programa ‘Silleda é luz’ desenvolto por Ferrovial, as obras de mellora da iluminación nos pasos de peóns situados na N-525 ao seu paso polo casco urbano de Silleda, concretamente na rúa Tradeza. As actuacións, que teñen por obxecto mellorar a seguridade viaria do municipio, realizaranse nos cinco pasos de peóns existentes na vía e a previsión é que estén rematados a vindeira semana.
“Cada mellora conta e seguiremos traballando para garantir a seguridade dos peóns cun obxectivo claro: as persoas o primeiro”, sinala a alcaldesa, Paula Fernández Pena. A instalación de novos puntos de luz busca garantir que haxa unha maior visibilidade nestas áreas e, por tanto, as persoas poidan cruzar estas zonas tan transitadas con total seguridade. Trátase dunha intervención que vén a completar as obras executadas nos últimos anos para instalar sinalización luminosa nos pasos situados nos accesos aos cascos urbanos.
Ferrovial é a empresa concesionaria do proxecto de alumeado exterior municipal, polo que é a responsable da execución destas obras, que se enmarcan no plan municipal ideado para mellorar a sinalización vertical dos pasos de peóns que se están a executar estes días nos dous cascos urbanos do municipio.
Publicidade
En dous dos pasos peonís -situados á entrada do casco urbano desde Bandeira e na zona do cruce coa Rúa Carballeira de Chousiño- instalaranse novos báculos para dispoñer puntos de luz que iluminen adecuadamente esta zona. Nos outros tres -localizados nas proximidades do cruce da Rúa Venezuela, xunto a parada de autobús, e no tramo con dirección a Lalín- reforzarase a iluminación utilizando os postes de luz xa existentes, para así mellorar a visibilidade nos pasos peonís.
Comments