Silleda informa sobre o servizo ‘Conéctate35.es’ para as vivendas do rural que aínda non dispoñen de fibra
- Laura Moure
- 4 jul 2024
- 3 Min. de lectura
Está destinado aos 746 domicilios situadas nas ‘zonas brancas’ do municipio e inclúe unha subvención de ata 600 € para equipamento e instalación de Internet
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda lanza unha campaña informativa sobre o novo servizo ‘Conéctate35.es’, destinado ás 746 vivendas situadas nas denominadas “zonas brancas” do municipio que aínda non puideron acceder a Internet de alta velocidade. Grazas a esta iniciativa, espérase reducir a fenda dixital no rural silledense e facilitar a conexión destas áreas.

Este programa permitirá ás vivendas beneficiadas dispoñer dunha conexión de, polo menos, 200 Mbps de descarga cunha garantía de continuidade do servizo do 99,5%, a través do satélite Hispasat. A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, valorou positivamente esta solución, destacando que “axudará a reducir aínda máis a fenda dixital no rural silledense, o que resulta imprescindible para fixar poboación”.
Publicidade
Ademais, o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital subvencionará os custos de equipamento, instalación e configuración do servizo en cada vivenda cun máximo de 600 €. Paula Fernández considera que se trata “dunha cantidade que resulta máis que suficiente para que ninguén teña que aboar nada pola instalación inicial, salvo evidentemente, situacións límite”.
Para darse de alta no servizo, os interesados poden facelo directamente a través da páxina web conectate35.es ou acudir ás dependencias do Concello, onde os técnicos municipais facilitarán toda a información necesaria e axudarán coa tramitación das altas.
Detalles do Servizo
Os usuarios de Conectate35.es aboarán mensualmente 35 euros, o que lles permitirá dispoñer dun límite de datos mensual de 150 Gigabytes, coa opción de contratar datos adicionais sen que o servizo se vexa suspendido en ningún momento. Ademais, o período entre a 1:00 AM e as 6:00 AM será unha “free zone”, é dicir, o volume de datos consumido non contabilizará na cota mensual. É importante destacar que o servizo non está suxeito a permanencia, o que facilita as conexións a vivendas que se usan en tempadas.
Este servizo ofréceno o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, a través da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, despois de conceder a Hispasat axudas de 76,3 millóns de euros como único adxudicatario do Programa UNICO Demanda Rural. A actuación está enmarcada dentro do investimento C15.I1 “Extensión da banda ancha ultrarrápida” do Compoñente 15 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Publicidade
O Concello de Silleda convida a todas as familias do rural a informarse e beneficiarse desta iniciativa que busca asegurar unha conexión de calidade e reducir a fenda dixital no municipio.
Cortes de rúas
Por outra banda, o Concello informa que con motivo da celebración das festas de Verán de
Silleda, que se celebrarán durante a fin de semana, nas próximas horas porcederase ao corte de diferentes rúas.
Así, xa dende hoxe, xoves, ás 15:00 horas e ata a madrugada do luns, quedará pechada ao tráfico a rúa Pintor Colmeiro, onde xa están instalados os postos e atraccións e onde se celebrarán as verbenas. Para garantir a seguridade nesta zona, tamén se pecharán durante toda a fin de semana ao tráfico as rúas Venzuela e Alonso Paz, a partir das 22:00 horas.
As rúas Antón Alonso Ríos, Cartaxena e Castrelo tamén se pecharán dende o venres á tarde, para a celebración da Festa do Lacón; o sábado dende as 11:00 horas, con motivo da exposición de tractores do Museo do Campo, e o domingo pola tarde para a celebración do concerto das bandas.
Tamén a rúa Progreso se verá afectada, co peche ao tráfico polas tardes para a celebración de distintas actividades. A avenida do Parque tamén se pechará o domingo para o concerto despois das bandas e pola tarde para o concerto de Pakolas na praza da Igrexa.
Comments