Este Concello celebra o luns un pleno extraordinario para aprobar a contratación da rexeneración urbana na praza da Bandeira e o seu entorno por máis de 1 millón de euros
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda informa sobre os avances na renovación do alumeado público exterior, que comezou o pasado 13 de setembro. Esta renovación do alumeado público, que se executará por fases, enmárcase no novo contrato de servizos enerxéticos e de mantemento integral do alumeado do Concello de Silleda, que executa a empresa Ferrovial.
Dende o pasado día 13 de setembro estase a renovar o alumeado nas parroquias da zona norte de Silleda e o casco urbano, para instalar, nos vindeiros meses, a zona sur. Actualmente xa contan co alumeado renovado as seguintes parroquias da zona norte: Cira, Dornelas, Piñeiro, Abades e Cervaña, así como o parque empresarial Área 33. Esta semana, finalizarán os traballos na parroquia de Lamela, ademais de varios puntos de Silleda, como na contorna do Instituto de Educación Secundaria Pintor Colmeiro. A vindeira semana avanzarase nas zonas de Manduas, Chapa e Bandeira.
Nos vindeiros meses, renovarase o alumeado do resto das parroquias de Silleda, estando previsto que a instalación estea completada en xaneiro. En novembro, iniciaranse ademais a renovación de 170 cadros de mando do alumeado.
En total, renovaranse 3.322 luminarias con tecnoloxía LED, o que permitirá un aforro estimado do 81,56% en consumo. As luminarias que se instalarán en Silleda proceden ademais na súa totalidade de provedores españois, cunha presenza galega do 44%. O proxecto inclúe o mantemento do alumeado, para o que Ferrovial prevé contar con
provedores locais. No que respecta á renovación do alumeado, este novo proxecto prevé
reforzos nos pasos de peóns e rotondas, así como a reforma da iluminación en certos puntos especiais, como a rúa da Estación ou a praza Juan Salgueiro de Silleda. Ademais, instalaranse luminarias solares, así como puntos telexestionados, que avisan en tempo real do seu funcionamento.
O citado novo contrato do alumeado público inclúe tanto a renovación, como o subministro enerxético e o seu mantemento durante os vindeiros 14 anos. O Concello de Silleda investirá máis de 8 millóns de euros neste proxecto, que permitirá a xestión integral, sostible e eficiente do alumeado público da vila.
Publicidade
Por outra banda, a Corporación Municipal de Silleda celebrará este luns día 9 (11:00 horas) un pleno extraordinario para aprobar o expediente de contratación dunha das actuacións máis ambiciosas da lexislatura: a mellora e rexeneración urbana da praza da Bandeira e a súa contorna, cun investimento de máis de 1 millón de euros.
Despois da aprobar, por unanimidade dos grupos, na última sesión ordinaria o proxecto e acordar o inicio da contratación, vén de convocarse este pleno extraordinario para cumprir cos prazos establecidos ca subvención do programa DUS 5000, do Instituto de Diversificación e Aforro Enerxético (IDAE) do Estado, que financia a obra nun 80%. Ademais de aprobarse o expediente de contratación, por importe de 1.053.739,23 euros, tamén se someterán a aprobación os pregos que rexerán a contratación, por procedemento aberto, desta actuación, sendo o Pleno o órgano competente pola contía da actuación.
Publicidade
A redacción do proxecto financiouse ademais con cargo á Rede Ágora da Deputación de Pontevedra, da que o Concello de Silleda forma parte, cumprindo cas liñas do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) do municipio. Conta ademais cas pertinentes autorizacións de Patrimonio, do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, informes técnicos así como cos informes favorables de Secretaría e Intervención. A remodelación non só afectará á praza Juan Salgueiro da localidade, senón que tamén rexenerará as rúas de todo o entorno, incluída a urbanización da rúa Travesía de Vista Alegre.
Komentari