Silleda informa aos vendedores ambulantes da reorganización das feiras
- Laura Moure
- 30 dic 2023
- 2 Min. de lectura
O motivo son as obras na praza da Bandeira e o seu entorno
Laura Moure/Silleda

O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, mantivo este venres un encontro cos vendedores e vendedoras ambulantes da feira da Bandeira para explicarlles a reorganización prevista das xornadas de mercado (os días 14 e 29 de cada mes) con motivo das obras de humanización e rexeneración urbana da praza e o seu entorno. Ademais deste encontro, que se celebrou aproveitando a xornada feiral de onte, tamén se entregaron aos membros do sector por parte da Policía Local planos cas zonas onde se irán reubicando os postos segundo as diferentes fases dos traballos.
Cuiña sinalou que está previsto que as obras arranquen o vindeiro 15 de xaneiro, co que a próxima xornada feiral aínda se desenvolverá nos postos actuais. Tamén avanzou que as obras comezarán na delimitación da propia praza, que se vallará o día 15, na que será a primeira fase dos traballos.
Publicidade
Deste xeito, os postos que ocupan actualmente a praza serán trasladados ao longo a rúa do Parque, un tramo de Agro do Valo e outro tramo da rúa Lourás. “Estas tres zonas utilizaranse mentres duren as obras como espazo de mercado provisional, ao que se irán trasladando os postos segundo se vaian realizando as obras nas diferentes zonas”, explicou o rexedor.
Unha vez rematados os traballos da praza, a segunda fase afectará as rúas da contorna: rúa da Feira, Renque do Peixe, Renque da Froita e Rúa dos Pendellos, co que serán os postos que nestas se ubican habitualmente os que se trasladen á zona provisional.
Publicidade
Na terceira fase acometerase, segundo as previsións iniciais a urbanización da Travesía de Vista Alegre e parte da rúa da Feira. Dende o goberno municipal tamén se coordinou ca Policía Local o operativo de tráfico co peche de novos tramos durante os días de mercado.
Os vendedores ambulantes, que agradeceron ao Concello que a feira se manteña no entorno, xa dispoñen de planos e o vindeiro día 14 volverán a recibir información dos lugares aos que se trasladan. “Consideramos que con esta fórmula e previsión por fases a feira non se verá tan afectada polas obras”, indica o alcalde.
Os traballos de rexeneración urbana no centro da Bandeira foron adxudicados polo Pleno á empresa Coviastec por un importe de 948.259,93 euros (IVE engadido). Os traballos teñen un prazo de execución de 9 meses.
Publicidade
A obra realizarase grazas á subvención do programa DUS 5000, do Instituto de Diversificación e Aforro Enerxético (IDAE) do Estado, que financia a obra nun 80%. A redacción do proxecto financiouse ademais con cargo á Rede Ágora da Deputación de Pontevedra, da que o Concello de Silleda forma parte, cumprindo cas liñas do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) do municipio.
A remodelación non só afectará á praza Juan Salgueiro da localidade, senón que tamén rexenerará as rúas de todo o entorno, incluída a urbanización da rúa Travesía de Vista Alegre.
Comments