Silleda incorpora unha furgoneta eléctrica para reforzar os servizos ambientais
- Laura Moure

- 6 ago
- 2 min de lectura
Laura Moure/Silleda
A Xunta de Goberno Local do Concello de Silleda aprobou a adxudicación dunha nova furgoneta eléctrica para os servizos municipais de xardinería e protección ambiental. A empresa adxudicataria é Bétula Cars, S.L.U., que subministrará o vehículo por un importe de 23.800 euros, ive incluído.

Trátase dunha Citroën ë-Berlingo, equipada cunha batería de 50 kwh, matriculada en xullo de 2026 e con menos de 1.000 quilómetros. A documentación presentada acredita que cumpre os requisitos establecidos no procedemento en materia de potencia, autonomía, tempos de carga, dimensións, seguridade, antigüidade, quilometraxe e garantía.
A proposta de Bétula Cars foi a mellor valorada entre as ofertas tecnicamente admisibles ofrecendo ademáis unha ampliación de dous anos adicionais de garantía. O novo vehículo empregarase en tarefas vinculadas ao mantemento de zonas verdes, á limpeza e roza preventiva de contornos naturais, á retirada de restos vexetais, á conservación de áreas recreativas, á prevención de incendios en zonas periurbanas e ao control ambiental dos espazos públicos. A súa incorporación permitirá reducir as emisións e o consumo enerxético, ao tempo que se moderniza o parque móbil municipal e se melloran os medios de traballo do persoal.
PUBLICIDADE
A actuación está financiada pola Xunta de Galicia, a través da dirección xeral de administración local da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, con cargo ao fondo de compensación ambiental 2026, na liña de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva destinada aos concellos afectados por instalacións eólicas.
A administración autonómica concedeu ao Concello de Silleda unha achega de 28.425,44 euros para o proxecto denominado adquisición de equipamento do Concello de Silleda, que comprende a compra da furgoneta eléctrica e dun remolque para os servizos ambientais municipais.
PUBLICIDADE
O investimento estaba distribuído en dous lotes: un primeiro, cun orzamento máximo de 25.005,44 euros, para a furgoneta eléctrica; e un segundo, dotado con 3.420 euros, para o remolque.
A Xunta de Goberno declarou deserto o segundo lote, correspondente ao remolque, xa que ningunha das empresas que concorreron ao procedemento presentou unha oferta para este equipamento.
PUBLICIDADE
O Concello iniciará agora a súa adquisición a través dun contrato menor, co obxectivo de completar o proxecto e dispoñer do novo equipamento dentro do prazo de execución da subvención. O remolque destinarase ao transporte seguro da maquinaria e das ferramentas utilizadas polo servizo de xardinería. Permitirá axilizar as operacións de carga e descarga, mellorar a eficiencia dos traballos e optimizar os recursos municipais.
PUBLICIDADE
“Esta adquisición permítenos renovar os medios dos servizos municipais cun vehículo máis eficiente e respectuoso co ambiente, facilitando ademais o traballo diario do persoal que atende as zonas verdes e os espazos naturais”, sinala a alcaldesa, Paula Fernández Pena.










Comentarios