top of page

Silleda incorpora ao seu patrimonio 11 obras do pintor José Antonio Fondevila

Fíxoo este sábado nun acto no que destacou a súa xenerosidade e o valor cultural da doazón


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda inaugurou este sábado a exposición permanente dunha serie de obras do pintor silledense José Antonio Fondevila, que pasan a formar parte do patrimonio municipal tras a sinatura oficial do acordo de doazón das pezas por parte do artista. O acto, celebrado na Casa Consistorial, converteuse nunha homenaxe á traxectoria, á coherencia creativa e á xenerosidade do autor, que decidiu finalmente doar un total de once obras —unha máis das inicialmente previstas— nun xesto que foi amplamente recoñecido durante a inauguración.

A concelleira de Cultura, Mónica González, abriu o acto destacando o carácter especialmente emotivo da xornada, subliñando que “hoxe non estamos só inaugurando unha exposición; estamos celebrando un acto de xenerosidade, de identidade e tamén de memoria compartida”.


A edil puxo en valor a traxectoria de Fondevila, lembrando que “non é só un artista cunha intensa carreira que xa chegou ao ámbito internacional, senón tamén un dos nosos”. Neste sentido, recordou a súa etapa como traballador municipal, “cunha vocación intachable de servizo público, ao tempo que construía en silencio unha obra artística profunda, reflexiva e sorprendente”.

 Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Mónica González salientou tamén a autenticidade da súa pintura, “unha obra que non responde a modas nin a etiquetas, que nace da reflexión, do silencio e da observación.


Pola súa banda, a alcaldesa, Paula Fernández Pena, destacou o impacto emocional que supuxo a instalación das obras no edificio consistorial, sinalando que “o Concello, que tantas veces vemos como un lugar de xestión e trámites, transformouse de repente nun espazo cheo de vida, de luz e de cor”.


A rexedora puxo o foco na xenerosidade do artista, cualificando a doazón como “un regalo de enorme valor artístico, pero tamén persoal e emocional, que pasa a ser patrimonio de todas e todos os silledenses”.


Fernández Pena subliñou que esta incorporación ao patrimonio municipal permitirá conservar e difundir estas pezas para as xeracións futuras: “hoxe recibímolas con alegría, pero dentro de vinte, trinta ou corenta anos serán recibidas con admiración, porque xa formarán parte da historia deste Concello”.

 Publicidade

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

O acto incluíu a sinatura oficial do documento de doazón, polo que as obras son xa parte do patrimonio cultural municipal. “Estas obras de arte son xa do pobo de Silleda”, afirmou a alcaldesa, que entregou ao autor unha réplica do rosetón de Carboeiro, “outro emblema de Silleda que tamén nos vén de regalar outro momento histórico pola volta a Galicia das dúas pezas expoliadas”, indicou.


Pechou o acto o propio José Antonio Fondevila, que agradeceu o recoñecemento e explicou que esta doazón nace dun sentimento profundo de pertenza e gratitude cara á súa terra. O artista amosouse emocionado por poder compartir coa veciñanza unha parte esencial do seu percorrido vital e creativo. O propio Fondevila guiou un percorrido polas obras, a disposición do público no primeiro andar do edificio consistorial.

 Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Fai unha doazón para axudar ao xornalistmo independente. Gracias!
Fai unha doazón para axudar ao xornalistmo independente. Gracias!

A exposición permanecerá de forma permanente nas dependencias da Casa do Concello e completarase nos próximos días coa elaboración dun catálogo que permitirá interpretar e coñecer en profundidade a obra exposta.



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page