O estudo de viabilidade redactado en 2022 será actualizado cunha enquisa
telefónica para axustar a previsión á demanda real do proxecto no ano 2025
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda deu un paso máis no proceso para dotar ao municipio dunha piscina climatizada, contratando á empresa Brular Gestión para a elaboración dos pregos, tanto técnicos como administrativos, necesarios para licitar a concesión de obra e explotación desta nova dotación deportiva. Como parte deste proceso, esta mesma semana iniciarase unha enquisa telefónica á veciñanza co obxectivo de actualizar o estudo de viabilidade redactado en 2022. Con esta sondaxe, búscase coñecer con precisión a demanda real e as preferencias das persoas que serán usuarias potenciais,
permitindo así unha planificación máis axustada á realidade actual e á previsión de custos do proxecto no 2025.
O goberno municipal solicita a colaboración de todas aquelas persoas que reciban a chamada telefónica, xa que os resultados serán clave para redimensionar adecuadamente o proxecto e garantir a súa viabilidade.
O executivo municipal lembra que, tal e como foi anunciado pola alcaldesa no último pleno, dado o elevado custo de construción e mantemento dunha infraestrutura desta envergadura, a fórmula escollida será a da concesión demanial, seguindo o modelo aplicado con éxito na Residencia de Maiores.

Desta forma, o Concello cederá os terreos municipais situados na zona deportiva-escolar (entre o CEIP de Silleda e a Escola de Música) a unha entidade que se encargará da construción e xestión do centro acuático, tendo en conta que a proximidade dos mesmos á planta da Rede de Calor con Biomasa permitirá optimizar os custos enerxéticos da instalación.
Brular Gestión, empresa especializada en proxectos deste tipo, será a encargada da redacción dos pregos, que permitan lanzar o proceso e tamén serán os encargados de preparar a valoración técnica das ofertas que se presenten ao proceso de licitación.
Ademais destes avances, o Concello de Silleda tamén iniciou o proceso de contratación do anteproxecto das instalacións, co obxectivo de establecer un custo de execución da obra. O prazo de redacción deste proxecto será de dous meses e permitirá coñecer con precisión o valor estimado da infraestrutura, facilitando así a toma de decisións.
Tanto a contratación da parte administrativa, a través de Brular Gestión, como a da parte técnica no marco do contrato do anteproyecto, permitirán analizar con detalle non só o custo de construción, senón tamén o de mantemento a longo prazo. Deste xeito, búscase evitar imprevistos futuros e garantir que a infraestrutura sexa viable e sostible económicamente para o Concello.
Resposta ao PP: “Unha proposta inviable e cun claro interese partidista”
En resposta ás declaracións do PP de Silleda sobre a súa proposta de trasladar en autobús a A Estrada ás persoas inscritas nos cursos de natación e aquagym, tras a decisión unilateral da empresa concesionaria do Hotel Vía Argentum de cancelar os servizos, o goberno municipal aclara que, a pesar de que este acordo podería ser nulo de pleno dereito, exploráronse diversas alternativas para avaliar a súa viabilidade.
Publicidade
Solicitáronse orzamentos para o transporte en autobús, que implicaría un custo de máis de 450 euros por vehículo e sesión. Cunha demanda de máis de 140 persoas, serían necesarios tres autobuses por día, elevando o custo a 1.350 euros diarios, unha cifra inasumible. “Maril lanzou unha proposta ao aire sen estudar minimamente os custos inviables que suporía”, sinalan desde o goberno local.
Tamén se valorou o uso da piscina municipal de Lalín, unha opción que nin sequera foi consultada por Maril, estudando a contratación de monitores a través da Mancomunidade. Porén, só se poderían ofrecer 40 prazas, deixando sen opción a máis de 100 persoas. “A falta de interese do PP por esta última alternativa demostra que nunca buscou unha solución realista, senón favorecer un negocio privado en A Estrada vinculado a un compañeiro do seu partido” dixo a alcaldesa.
Comentários