top of page

Silleda impulsa a campaña “Días do Comercio con Corazón Local” e un certame de tapas

O Concello promove do 10 ao 12 de abril descontos, máis de 1.300 euros en premios directos e a iniciativa “Silleda a bocados” para dinamizar o comercio e a hostalería local


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda, a través da Concellería de Promoción Económica que dirixe Estefanía Taín, e en colaboración con ECOS, Asociación de Comerciantes de Silleda, vén de presentar a campaña “Días do Comercio con Corazón Local”, unha iniciativa que se desenvolverá os vindeiros días 10, 11 e 12 de abril co obxectivo de impulsar o comercio de proximidade e reforzar tamén a actividade no sector hostaleiro.

A proposta nace coa vontade de poñer en valor o papel fundamental que desempeñan os negocios locais na vida económica e social do municipio, ao tempo que se busca animar á veciñanza a mercar en Silleda, para apoiar ás empresas da vila e gozar dunha experiencia comercial e gastronómica atractiva e participativa.


Durante esas tres xornadas, os establecementos comerciais adheridos á campaña poderán ofrecer descontos e promocións especiais, convertendo estes días nunha oportunidade para incentivar as compras e premiar a fidelidade da clientela. Ademais, repartiranse rascas con máis de 1.300 euros en premios, co propósito de xerar movemento nos negocios participantes e facer aínda máis atractiva a iniciativa.


De forma paralela, a campaña contará tamén coa implicación do sector hostaleiro a través da Ruta de Tapas “Silleda a Bocados”, unha proposta que contribuirá a dinamizar as rúas, fomentar o ambiente na vila e fortalecer acolaboración entre comercio e restauración. Nesta ruta, para a que se darán a coñecer os establecementos participantes nos vindeiros días, a veciñanza tamén poderá elixir a mellor tapa e a mellor presentación.

 Publicidade

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Dende a organización desenvolverase ademais unha campaña específica de promoción e comunicación en distintos canais, co fin de dar visibilidade aos negocios adheridos e contribuír a amplificar o alcance desta acción conxunta.


A concelleira de Promoción Económica, Estefanía Taín, destaca que esta campaña “busca activar o consumo local, apoiar ao pequeno comercio e á hostalería, e seguir xerando iniciativas que contribúan a fortalecer o tecido económico de Silleda”. Neste sentido, subliña tamén a importancia de “sumar esforzos entre administración, tecido comercial e hostaleiro para crear propostas atractivas que repercutan de maneira directa na economía local”.


Pola súa banda, a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, salienta que “apostar polo comercio e pola hostalería local é apostar pola vida dos nosos pobos e da nosa vila, polo emprego de proximidade e por un modelo económico máis humano e sostible”. Fernández engade ademais que “cada compra que facemos en Silleda repercute directamente no noso territorio, axudando a manter actividade, servizos e oportunidades para a veciñanza”.


 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar con nós!
Preme na imaxe para contactar con nós!

A rexedora incidiu tamén en que esta campaña “é un exemplo de colaboración entre o Concello, o tecido comercial e o sector hostaleiro para crear iniciativas que non só incentiven o consumo, senón que creen sinerxias e conviden a visita o noso municipio”. Neste sentido, agradeceu a implicación dos establecementos participantes e animou tanto á veciñanza como ás persoas visitantes “a aproveitar estes días para mercar, compartir e desfrutar da mellor oferta comercial e gastronómica do municipio”.


Dende o Concello indícase ademais que aínda segue aberto o prazo para participar, polo que se fai un chamamento a comerciantes e hostaleiros para sumarse a esta proposta pensada para converter o mes de abril nunha cita co comercio e coa hostalería, promovendo un modelo de consumo máis próximo e comprometido co territorio.




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page