Silleda homenaxeará a Teófilo del Valle, primeira vítima mortal da Transición
- Laura Moure

- 15 mar
- 3 min de lectura
A alcaldesa, Paula Fernández, e a concelleira de Cultura, Mónica González, recibiron no Concello a José Antonio del Valle Pérez, irmán de Teófilo, nacido en Silleda
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de recibir a visita de José Antonio del Valle Pérez, irmán de Teófilo del Valle Pérez, considerado a primeira vítima mortal da Transición española, cando se cumpren 50 anos da súa morte, acontecida o 24 de febreiro de 1976 en Elda (Alicante), tras recibir disparos dun membro da Policía Armada no contexto dunha folga do sector do
calzado.

José Antonio del Valle foi recibido na Casa do Concello pola alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, e pola concelleira de Cultura, Mónica González, nun encontro cargado de emotividade e tamén de memoria, no que se puxo de relevo a fonda vinculación de Teófilo del Valle e da súa familia co municipio de Silleda.
Teófilo del Valle naceu en Silleda o 1 de febreiro de 1956, e ao igual que outros seis dos seus irmáns, veu ao mundo neste concello. A súa nai, Dolores, era natural de Moruelos, e o seu pai era oriúndo de Parres (Oviedo). A familia residiu durante un tempo no barrio das Casas Baratas e posteriormente trasladouse a Ponga (Asturias), sendo Teófilo aínda un neno. Máis adiante, o destino profesional do pai, que exercía como ATS, levou á familia ata Elda, localidade na que Teófilo foi asasinado e onde hoxe unha praza leva o seu nome.
Publicidade
Durante a xuntanza, o goberno municipal trasladou á familia a vontade do Concello de renderlle en Silleda unha homenaxe institucional e pública, para recoñecer a súa figura, a súa memoria e tamén a súa ligazón coa vila natal. Neste sentido, o Concello xa iniciou contactos co Concello de Elda e tamén co investigador e xornalista Manuel de Juan, autor do documental Las tres muertes de Teófilo del Valle, unha obra que afonda nas circunstancias da súa morte, no intento de ocultación posterior e na necesidade de verdade, xustiza e reparación. A intención é que este traballo poida tamén proxectarse
proximamente na vila de Trasdeza.
Desde o Concello de Silleda sublíñase que a figura de Teófilo del Valle representa “a memoria de tantas persoas que sufriron a violencia e a impunidade nun momento decisivo da nosa historia recente”, ao tempo que se destaca a importancia de recuperar e dignificar historias que durante décadas permaneceron silenciadas.
PUBLICIDADE
A morte de Teófilo del Valle foi xulgada no seu día pola xurisdición militar e o policía que disparou quedou absolto, sen que a familia obtivese reparación. Porén, medio século despois, o caso volve estar no foco xudicial: a causa aberta pola súa morte mantense viva e a familia continúa reclamando responsabilidades, nun proceso que está a permitir reabrir o debate sobre a impunidade e o silencio que rodearon o sucedido durante anos. En 2025 foi admitida a trámite unha querela que investiga tanto ao policía que disparou
como ao exministro Rodolfo Martín Villa, e en novembro dese ano a xustiza mantivo viva a causa aínda que se aprazaron declaracións previstas.
Con esta recepción e coa futura homenaxe que xa se está a preparar, Silleda quere contribuír a reparar unha débeda histórica coa memoria de Teófilo del Valle, recuperando para a súa terra natal o recordo dun mozo silledense cuxa vida foi truncada pola violencia e cuxo nome segue a ser símbolo de memoria democrática e de loita pola xustiza. Un acto que se enmarca tamén nas accións de Memoria Democrática impulsadas dende o goberno municipal.








Comentarios