top of page

Silleda encarga o proxecto de rexeneración do barrio de Outeiro e os tramos de Antón Alonso Ríos e Castrelo

Este xoves 18 iniciase a campaña de concienciación e educación ambiental sobre o colector marrón


Laura Moure/Deza

O Concello de Silleda encargará o proxecto para a rexeneración do barrio de Outeiro, e os tramos de Alonso Ríos e Castrelo. Esta iniciativa vén de ser aceptada no marco das subvencións para a redacción de proxectos de recuperación de espazos públicos e creación de sendas peonís ou ciclables nos Concellos da Rede Ágora.


Así, a esta proposta presentouse para o núcleo de Silleda a recuperación do espazo no tramo que vai dende a rúa Outeiro (á altura da Residencia de Maiores) ata a praza Siñor Afranio, incluindo tamén a mellora da praza de Outeiro, a ronda que leva o mesmo nome, a rúa Antón Alonso Ríos e a rúa Castrelo, que suman máis de 11.000 metros cadrados.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información!

A actuación, cun custe que superaría o millón de euros, propónse como unha intervención na zona urbana da vila de Silleda, coa vontade de recuperar espazo público para as persoas e conectar varias prazas de gran relevancia dentro da trama urbana da vila e darlle continuidade a zonas que xa foron humanizadas no pasado como o entorno do centro de día/residencia dos maiores e a rúa do Progreso.


Ademais da rexeneración deste tramo, e de actuar sobre a praza deste barrio silledense, seguindo as pautas do Plan de Mobilidade Urbana Sostible de Silleda, tamén se gañará espazo peonil. Deste xeito o Concello de Silleda redactará o proxecto para optar despois

ás distintas subvencións con fondos europeos do Plan de Recuperación Transformación e Resilencia que convoca o Goberno Central.


Así, grazas a este plan nos próximos meses se acometerán actuacións como a rexeneración urbana e humanización no centro da Bandeira, cun investimento de máis de 1 millón de euros a través do programa DUS 5000, un proxecto que tamén foi financiado a través da Rede Ágora da Deputación, da que Silleda forma parte dende o ano 2021.


No caso da iniciativa para o barrio de Outeiro, a actuación permitirá conectar esta zona do entorno do casco urbano co centro da vila, incluindo tamén a reforma da praza de Outeiro.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.

Por outra banda, o Concello de Silleda inicia este xoves 18 a campaña de comunicación e promoción do uso dos colectores marróns instalados nos cascos urbanos, incentivando así a reciclaxe dos residuos orgánicos.


Estes puntos vanse instalar en Bandeira na rúa da Capela o venres 19, En Silleda na praza do Siñor Afranio o xoves 18 e na praza da Igrexa o sábado 20, nos que se ofrecerá toda a información sobre o uso destes colectores, ademais de resolver todas as dúbidas que teña a cidadanía no tratamento do resto do lixo.


Nestes puntos informativos a veciñanza poderá recoller un kit de reciclaxe composto por un caldeiro aireado, un rolo de bolsas compostables e un folleto informativo. Cos caldeiros, entregarase tamén a chave metálica a todos os domicilios, comercios e entes públicos e privados do municipio. De momento, os colectores están abertos, pero pecharanse a próxima semana para evitar vertidos impropios.


En todo caso, aqueles veciños e veciñas que o desexen poden achegarse directamente ao Concello para recoller este material, sen necesidade de solicitude previa. Entre outras actuacións previstas dentro desta campaña están as visitas a domicilios e a establecementos, charlas informativas e talleres a centros educativos. Todas estas actuacións servirán para sensibilizar aos diferentes sectores da poboación sobre esta cuestión e mellorar a separación da materia orgánica.


Publicidade

Preme na imaxe se quere contactar connosco.

Durante esta campaña, tamén se seguirán recollendo solicitudes para os composteiros domésticos individuais, que tamén poden realizarse chamando ao 900 909 744 (tanto a chamada como estes colectores son gratuítos). Dende o 2019, o Concello de Silleda leva repartidos máis de 300 composteiros entre a cidadanía que vive no rural a través do programa Silleda Sostible.


Tanto esta acción de comunicación coma os caldeiros achegaranse a cidadanía a través dunha axuda da Xunta de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de biorresiduos recollida no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, que lle foi outorgada ao Concello de Silleda cun importe de 53.000 euros.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page