Silleda e Solidaridad Intergeneracional asinan un convenio para mellorar a atención social no rural
- Laura Moure

- 21 jul
- 2 min de lectura
O acordo permitirá desenvolver programas dirixidos ás persoas maiores, persoas con discapacidade, familias coidadoras e mulleres, sen custo directo para o Concello
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de asinar un convenio de colaboración coa entidade Solidaridad Intergeneracional co obxectivo de desenvolver actuacións destinadas a
mellorar a calidade de vida das persoas maiores, das persoas con discapacidade,
das familias coidadoras e das mulleres do medio rural, favorecendo a súa autonomía e inclusión social. O acordo foi subscrito pola alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, e pola presidenta de Solidaridad Intergeneracional, Ana Isabel Esteban Martínez, e establece un marco estable de colaboración para impulsar programas sociais, informativos, formativos e comunitarios no municipio.

Entre as principais liñas de actuación figuran a promoción da autonomía persoal e a prevención da dependencia, o envellecemento activo e saudable, a inclusión social e dixital das persoas maiores e con discapacidade, a formación e apoio ás persoas
coidadoras e a promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.
O convenio tamén contempla a creación e fortalecemento de recursos comunitarios e redes de solidariedade veciñal no rural, co obxectivo de combater situacións como a soidade non desexada e facilitar unha atención de proximidade ás persoas que se atopan en situación de vulnerabilidade.
As actividades serán desenvolvidas por persoal cualificado da entidade e, con carácter xeral, non terán custo para as persoas participantes. Pola súa banda, o Concello colaborará na difusión das iniciativas, na identificación e derivación das posibles persoas beneficiarias e na cesión de espazos municipais, sempre en función da dispoñibilidade existente. A sinatura do acordo non supón unha achega económica directa por parte da Administración local.
PUBLICIDADE
A alcaldesa, Paula Fernández, destacou que “este convenio permítenos ampliar os recursos de atención social e achegar novos programas ás persoas que máis os precisan, especialmente no rural, onde en moitas ocasións existen maiores dificultades para acceder a determinados servizos”.
Fernández puxo tamén en valor “a importancia de previr a dependencia, promover un envellecemento activo e apoiar ás familias e ás persoas coidadoras, que desenvolven un labor fundamental e que tamén precisan acompañamento, información e formación”.
PUBLICIDADE
A rexedora explicou que o acordo “reforza a colaboración entre o Concello e as entidades sociais para seguir construíndo un municipio máis inclusivo, accesible e atento ás necesidades da súa veciñanza”. De feito a organización xa impartiu entre os meses de maio e xuño pasados unha exitosa iniciativa dirixida ao colectivo de Maiores en Silleda.
O convenio terá unha duración inicial dun ano e poderá prorrogarse por acordo das partes. Para supervisar o seu desenvolvemento crearase unha comisión de seguimento na que participarán a concelleira de Benestar Social, Ángela Troitiño e personal técnico do seu departamento así com representantes de Solidaridad Intergeneracional.








Comentarios