Silleda e Amicos asinan un convenio para favorecer a integración laboral de persoas con discapacidad
- ecosdacomarca

- 17 may 2022
- 2 Min. de lectura
A entidade contará cun espazo na Casa da Xuventude os primeiros venres de mes para atender ás persoas con discapacidade demandantes de emprego en Silleda e na súa contorna
Ecos da Comarca/Silleda
O Concello de Silleda vén de asinar un convenio de colaboración a Asociación Amicos, unha entidade sen ánimo de lucro para a atención de persoas con discapacidade intelectural, autismo, parálise, dano cerebral e as súas familias. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña e Keltoi Cameán, coordinador de orientación laboral de Amicos, asinaron o acordo polo que o Concello de Silleda cede á entidade un local na Casa da Xuventude, na rúa Trasdeza, para a atención ás persoas con discapacidade, ás que ofrece un servizo de
orientación laboral.

Deste xeito, Amicos atenderá ás persoas con discapacidade que así o demanden todos os primeiros venres de cada mes no edificio municipal en horario de 9:00 a 14:00 horas. Este convenio ten por obxecto establecer unha colaboración entre ambas entidades para desenvolver accións de cara a promocionar a integración social e laboral das persoas con discapacidade, mellorando a súa empregabilidade mediante asesoramento e a formación axeitada, ademais de realizar unha labor de sensibilización no municipio sobre a necesidade de integrar socialmente ás persoas con discapacidade.
Diagnóstico individualizado
Este servizo de orientación laboral incluirá, entre outros, un diagnóstico individualizado dos perfís e deseño de itinerarios personalizados, prospección empresarial, xestión de accións formativas ou o deseño, planificación e execución de accións grupais de orientación. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, destacou que con esta colaboración o municipio de Silleda dá un paso máis “na necesaria inclusión das persoas con discapacidade, que suman neste colectivo un novo referente”.
Pola súa banda, Keltoi Cameán, agradeceu a colaboración do Concello de Silleda que se suma a outras localidades onde xa está a actuar Amicos, entidade fundada en Boiro no ano 2000. Na sinatura estiveron tamén presentes Pablo Penide, orientador de Amicos, e a concelleira de Emprego, Pili Peón.







Comentarios