top of page

Silleda e A Bandeira serán pioneiras nun estudo para crear vilas máis inclusivas e sostibles

O Concello presenta, no marco dos actos do 8 de marzo, un proxecto piloto co que analizará como se utilizan os espazos públicos e que cambios son necesarios para garantir vilas máis accesibles e seguras


Laura Moure/Silleda

No marco da programación do Día Internacional da Muller, dende o Concello de Silleda vén de presentarse un proxecto piloto para crear vilas máis sostibles e inclusivas. A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, resalta que “neste 8M e con este proxecto reafirmamos o compromiso coa igualdade ao poner no centro a mellora dos espazos públicos para todas as persoas, especialmente para as mulleres, que durante décadas foron excluídas do deseño urbano”.


O equipo que levará a cabo este proxecto está formado por expertas en arquitectura, urbanismo e participación cidadá. Así participan nesta iniciativa Cristina Botana Iglesias (doutora arquitecta e investigadora no grupo de Análise Territorial da Universidade de Santiago de Compostela), Natalia Campos Ferro (arquitecta urbanista de Silleda, con experiencia no desenvolvemento de procesos de deseño participativos e radicados no territorio), Raquel Doallo Álvarez (facilitadora e experta en economía solidaria en Galicia) e María Novas Ferradás (doutora arquitecta e investigadora na Cátedra de Historia e Teoría do Deseño Urbano da ETH, en Zürich).



Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Ademais, a diagnose forma parte do proxecto ESMAART da Universidade da Coruña, unha iniciativa que busca mellorar os asentamentos rurais cun enfoque social e ambiental.


O traballo desenvolverase en catro fases garantindo unha análise profunda e participativa. A primeira fase centrarase na preparación, creando o marco teórico e metodolóxico e definindo a estratexia de comunicación e sensibilización. O obxectivo será que a veciñanza coñeza o proxecto desde o inicio e poida participar activamente.


PUBLICIDADE
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

A segunda fase abordará a toma de datos e análise territorial cun traballo de campo en profundidade que incluirá visitas in situ, observación participativa, análise da mobilidade e accesibilidade, percorridos exploratorios para identificar puntos críticos e unha recollida de datos sobre seguridade. Paralelamente, estudaranse os elementos que xa favorecen o confort e a convivencia para potenciar aqueles aspectos que funcionan ben


A terceira fase definirá o diagnóstico final. Desenvolveranse enquisas e microentrevistas con grupos diversos, convocaranse axentes clave, organizarase roteiros entre a cidadanía para a realización dun mapeado dos puntos críticos e tamen dos espazos con potencial de mellora e redactarase o informe final do diagnóstico. Finalmente, na última fase, elaboraransemateriais divulgativos para compartir os resultados con toda a poboación e a

administración.


A intención é que o traballo se desenvolva antes do verán, para así poder facer a presentación pública do estudo coa Semana das Festas de Verán de Silleda, acompañándose dunha pequena intervención na rúa que visibilice as conclusións do proxecto.

“Non se trata só de corrixir o que non está a funcionar adecuadamente, senón de entender o que funciona ben e por que. Queremos canalizar esas percepcións e sensacións para que os núcleos urbanos de Silleda e A Bandeira poidan beneficiarse desa aprendizaxe”, explica Paula Fernández Pena, que onte mantivo un encontro con dúas das autoras, Cristina Botana e Natalia Campos, e as concelleiras de Igualdade, Ángela Troitiño, Cultura, Mónica González e de Promoción Económica e Axenda 2023, Estefanía Taín.


Silleda e A Bandeira converteranse con esta iniciativa en exemplos de innovación urbana cun estudo que poderá inspirar políticas públicas noutros concellos e que aspira a facer das nosas vilas lugares mellores para vivir. “Avanzar en igualdade tamén significa construír vilas onde todas e todos poidamos movernos con seguridade, acceder aos servizos con facilidade e vivir con maior benestar”, remarca a alcaldesa e responsable municipal de

Urbanismo.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page