top of page

Silleda demanda que Carboeiro sexa proxecto financiable no plan de recuperación do goberno español

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

O alcalde remitíu unha solicitude ao conselleiro Alfonso Rueda e á directora da Axencia Galega de Turismo, Nava Castro, ao cumprir con todos os requisitos


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda vén de solicitar á Administración autonómica que inclúa ao mosteiro románico de San Lourenzo de Carboeiro como proxecto financiable na liña de axudas que vén de aplicar o goberno do Estado. Visto que o goberno Central vén de poñer a disposición da Xunta de Galicia un total de 22.700.000 millones de euros para o financiamento de proxectos sostibles de mantemento e rehabilitación do patrimonio histórico con uso turístico, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, o executivo silledense considera que é o momento de apostar por continuar mellorando o emblemático mosteiro de Carboeiro, como un dos bens de interese cultural con uso turístico a subvencionar en Galicia, ao considerar que cumpre con todos os requisitos fixados polo goberno de España.


O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, resalta que unha actuacion de rehabilitación en Carboeiro, non so garantirá a conservación deste BIC,” senón que tamén servirá para ampliar a diversificación da oferta turística e cultural desenvolvendo reclamos en zonas de interior e rurais do país, que son os dous obxectivos de esta axuda económica estatal”.

“Estou seguro de que desde a Xunta de Galicia se compartirá esta proposta, tras o interese demostrado por este enclave coa redacción do Plan director de Carboeiro por parte da Xunta de Galicia xa anunciado polo conselleiro Román Rodríguez no ano 2017” e recorda que naquel momento desde a Consellería de Cultura e Turismo anunciábase, á vista da súa urxencia, unha serie de actuacións, que poden considerarse de mínimos, destinadas a traballos de conservación do mosteiro, e que foron executadas o pasado ano, condicionando o desenvolvemento total do Plan director á consecución de maiores recursos.


Con esta nova inxección de recursos por parte do Estado na comunidade autónoma, “entendemos que se abre a oportunidade para que a Xunta asuma o desenvolvemento do plan director do Mosteiro que inclúe actuacións como a reparación de muros, limpeza da cuberta de igrexa e das fachadas, reparación na zona de exposición, humidades e limpeza dos frescos da ábside”, explica o rexedor.


En todo caso, o alcalde incide noutra reclamación histórica que podería ser solventada grazas a esta liña de axuda.“É urxente e necesaria unha actuación para dotar de iluminación no mosteiro, xa que a falta de corrente eléctrica dificulta seriamente a celebración de eventos nel, e tamén acurta as horas visitables para as e os turistas, ademais de afectar ás condicións de traballo do persoal que atende o mosteiro e esta liña de axuda permitiría a sua instalación”, engade.


O rexedor silledense confía en que esta solicitude sexa atendida en tanto o mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro é o ben de interese cultural (BIC) máis antigo de Galicia, no que á súa declaración se refire, pois esta proclamouse no Real decreto do 3 de xuño de 1931, e, a día de hoxe, é dos maiores reclamos turísticos de interior, non só do Concello de Silleda e da comarca do Deza, senón de toda a comunidade, ao recibir unha media de 20.000 visitantes anuais.


Así mesmo, trátase dun enclave vinculado á Vía da Prata, polo que a mellora do seu estado incrementaría o interese de miles de turistas que deciden transitar por ela e tamén se xerarían novas oportunidades de desenvolvemento persoal, laboral e económico para a cidadanía silledense.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page