top of page

Silleda convoca o certame de vídeo “Presume de língua” para celebrar o Día das Letras Galegas

A biblioteca municipal desta localidade sorteará lotes de exemplares para celebrar o Día do Libro


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda vén de poñer en marcha unha nova iniciativa para conmemorar o Día das Letras Galegas. Trátase dun certame de vídeos creativos en formato anuncio publicitario para defender a lingua e a literatura galega, promover o uso do galego entre a mocidade do municipio e incentivar o interese por coñecer e difundir máis a figura das cantareiras, ás que se adica este ano o Día das Letras.


Os vídeos terán que ser de curta duración (mínimo de 30 segundos e máximo, 90). As propostas poden gravarse co móbil ou con cámara doméstica ou profesional. Os traballos deberán ser inéditos e non ter sido presentados a outro concurso ou certame. A temática ten que estar relacionada coa defensa da lingua galega, a literatura galega contemporánea, e a figura das cantareiras.

Dáse liberdade creativa á hora de gravar e editar a idea que se queira realizar (ficción, documental, imaxe real, animación, con ou sen voz en off, uso de música...). É preciso que a persoa autora, en caso de que apareza no vídeo, ceda os seus dereitos de imaxe e autorice asimesmo a cesión dos dereitos de imaxe das persoas que poidan saír na gravación. Tamén é obrigatorio que o texto escrito e/ou falado sexa en galego.


En canto ao sistema de elección dos tres vídeos gañadores, o 50% será o reconto dos “gústame” recibidos nos vídeos participantes que se publicarán na conta oficial de Instagram do Concello. A votación popular será dende o 26 ao 30 de maio ás 14:00 horas. O outro 50% será a valoración dun xurado profesional, puntuando criterios coma a creatividade e orixinalidade da proposta; a calidade técnica e audiovisual; a capacidade para promocionar o galego, as letras galegas e/ou a figuradas cantareiras, así como a mensaxe e impacto emocional.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

En total outorgaranse tres premios que consisten en vales para mercar no comercio local: o primeiro premio de 200 euros; o segundo, 100; e o terceiro, 50. Os traballos gañadores daranse a coñecer o sábado 31 de maio nun acto aberto ao público organizado polo Concello para rematar a programación das Letras, que se dará a coñecer nos vindeiros días.


As persoas que queiran participar neste concurso poderán enviar o seu vídeo “Presume de lingua” ao correo electrónico cultura@silleda.es  antes do 23 de maio ás 23:59 horas. En caso de que o arquivo pese demasiado, pódese enviar a través de WeTransfer. Xunto co vídeo, a persoa interesada deberá enviar tamén a solicitude (Anexo I) debidamente cuberta e asinada pola persoa participante ou pai, nai ou titor/a legal no caso de menores de idade. As bases e o anexo que hai que cubrir pódense consultar xa na páxina web do Concello.


Este certame é unha das actividades programadas dende o Concello para conmemorar o Día das Letras, e que se sumará a outras iniciativas previstas nas vindeiras semanas.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Por outra banda, a Biblioteca Municipal Daniel Castelao de Silleda sorteará nos vindeiros días varios lotes de libros entre as persoas usuarias. Así, todas aquelas que retiren exemplares durante a semana do Día do Libro (do 21 ao 27 de abril ), entrarán nun sorteo de varios lotes de libros. Deste xeito, o centro municipal celebra o Día do Libro, que se conmemora o 23 de abril.


A biblioteca municipal Daniel Castelao, que se trasladou hai agora 3 anos ás instalacións da rúa Trasdeza número 90, onde xa estivera no seu día, conta a día de hoxe con 710 persoas inscritas como socias, número que segue aumentando nos últimos anos (en 2024 sumáronse 181). A esta cifra hai que engadir a das persoas que fan uso do centro como lugar de lectura e estudo. En canto ao número de títulos, a biblioteca silledense dispón hoxe de 15.413 títulos.



Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page