Silleda convida á cidadanía a participar na diagnose urbana con pespectiva de xénero
- Laura Moure
- 11 jun
- 3 Min. de lectura
O sábado 28 de xuño celebrarase unha xornada nas vilas de Silleda e da Bandeira na procura de espazos máis accesibles, seguros e inclusivos
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda convida á veciñanza a nunha xornada participativa que terá lugar o sábado 28 de xuño, no marco do programa “Diagnose urbana con perspectiva de xénero nos núcleos urbanos de Silleda e A Bandeira”, que se está a desenvolver dende o mes de marzo no municipio. Esta iniciativa, a través das concellerías de Igualdade e Xestión Urbana, contará ca participación das arquitectas responsables da mesma entra así nunha nova fase, ca participación da veciñanza.
Esta proposta busca mellorar os espazos urbanos para construír entornos máis seguros, accesibles e coidadores para toda a veciñanza.

O pasado mes de marzo, coindindo co Día da Muller, presentouse en Silleda esta iniciativa pioneira “ca reafirmamos o compromiso coa igualdade ao poñer no centro a mellora dos espazos públicos para todas as persoas, especialmente para as mulleres”, indica a alcaldesa e responsable de Urbanismo, Paula Fernández. O equipo que está a levar a cabo este proxecto está formado por expertas en arquitectura, urbanismo e participación cidadá. Así participan nesta iniciativa Cristina Botana Iglesias (doutora arquitecta e investigadora no grupo de Análise Territorial da Universidade de Santiago de Compostela),
Natalia Campos Ferro (arquitecta urbanista de Silleda, con experiencia no desenvolvemento de procesos de deseño participativos e radicados no territorio), Raquel Doallo Álvarez (facilitadora e experta en economía solidaria en Galicia) e María Novas Ferradás (doutora arquitecta e investigadora na Cátedra de Historia e Teoría do Deseño Urbano da ETH, en Zürich).
Ademais, a diagnose forma parte do proxecto ESMAART da Universidade da Coruña, unha iniciativa que busca mellorar os asentamentos rurais cun enfoque social e ambiental.
Fase de participación
Durante a xornada, ca que comeza unha das 4 fases do programa, as persoas participantes poderán recoñecer e analizar os espazos urbanos, identificando tanto os lugares valorados pola comunidade como aquelas zonas percibidas como inseguras ou con barreiras arquitectónicas, e achegando propostas para a súa mellora.
O traballo desenvolverase arredor de cinco grandes áreas de estudo: mobilidade e infraestruturas para a vida cotiá; vitalidade urbana; calidade ambiental; autonomía e seguridade, e ademais diversidade, representatividade e participación efectiva.
O obxectivo desta actividade é poñer en común as diferentes percepcións que as persoas temos do noso entorno, facilitando un marco de diálogo e recoñecemento mutuo. Preténdese visibilizar a importancia do urbanismo con perspectiva de xénero, identificar obstáculos e oportunidades, recoller ideas e fomentar a implicación cidadá nos procesos
de transformación urbana.
Publicidade
Dúas sesións dinamizadas dende Aopaso
A xornada desenvolverase ao longo do sábado en dúas sesións de aproximadamente dúas horas e media cada unha: pola mañá en Silleda e pola tarde na Bandeira, e estará dinamizada pola equipa técnica responsable da diagnose e tamén por Raquel Doallo, desde “Aopaso”, un servizo para o desenvolvemento local-global e a economía social e solidaria.
Nos vindeiros días, o Concello de Silleda tamén convocará aos principais colectivos do municipio. Con todo, a participación está aberta a toda a veciñanza, con especial chamada a mulleres e persoas coidadoras, cuxa ollada e experiencia resultan fundamentais para construír espazos máis visibles e inclusivos para todas as persoas.
A inscrición poderá realizarse nas próximas semanas a través dun formulario online ou chamando ao teléfono do Concello de Silleda (986 580 000). A información irá sendo actualizada a través dos medios habituais da entidade local.
O percorrido por Silleda será de 10:00 a 12:30 e na Bandeira de 16:30 a 19:00 horas
Comments