Con este novo dato do Instituto Nacional de Estatística, confírmase a liña ascendente dende o ano 2017 e así aumenta en 65 habitantes respecto ao ano anterior
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda continúa gañando poboación e seguindo a tendencia alcista dos últimos anos. Así, e segundo a comunicación oficial que vén de ser remitida polo Instituto Nacional de Estatística (INE), o padrón municipal contaba a 1 de xaneiro de 2021 cun total de 8.845 habitantes.
Esta cifra supón un incremento de 65 habitantes respecto á cifra comunicada a principios de xaneiro de 2020 (8.780 persoas empadroadas). Daquela, o aumento tamén se constara respecto á anualidade de 2019, cando o INE comunicou un padrón de 8.687 habitantes.
Á vista desta progresión, o alcalde, Manuel Cuiña amosa a súa satisfacción xa que “logo de varios anos incrementando o número de habitantes, por fin vemos como se consolida ese aumento deixando atrás anos con saldo negativo, como vén acontecendo en moitas poboacións do interior”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.
Cuiña lembra a campaña de fomento do empadroamento que se iniciou en 2016 e que deu bos resultados. “Por primeira vez en 2017, un ano despois de poñer en marcha esta iniciativa, logramos un crecemento significativo no padrón”, engade o alcalde.
Esa campaña estaba especialmente enfocada as persoas que aínda residindo en Silleda non figuraban no padrón municipal, de ahí o título da campaña. Empadróate en Silleda, porque en Silleda somos máis. “Estaba dirixida sobre todo a concienciar e informar sobre a importancia de estar censado no lugar onde se reside habitualmente”, explica Cuiña, lembrando que ao inicio da campaña se estimaba que en Silleda había preto de 900 persoas residían no municipio sen estar empadroados nel.
“Agora nesta nova revisión subimos 65 habitantes, que sumados aos case 100 de 2020 supoñen un dato moi satisfactorio para nós de cara a consolidar e seguir gañando máis poboación, o que significa tamén contar con máis recursos para mellorar os servizos públicos”, engade o alcalde.
Comments