top of page

Silleda continúa a tendencia á alza no padrón de habitantes cun avance do INE que fala de 8.841

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

O Instituto Nacional de Estatística vén de remitir a proposta de cifras oficiais a 1 de xaneiro de 2021, 61 máis que en 2020


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda continúa gañando poboación e rachando ca tónica xeral dos municipios de interior. Así, e segundo un primeiro avance remitido polo Instituto Nacional de Estatística (INE), o padrón municipal contaba a 1 de xaneiro de 2021 con 8.841 habitantes, 61 máis que na mesma data do ano 2020. Esta cifra vén a confirmar a tendencia á alza dos últimos tres anos, cunha progresión que amosa os bos resultados da campaña de empadroadoamento, entre outras medidas.


En xaneiro de 2019 as cifras de habitantes situábanse no municipio de Silleda en 8.687, en xaneiro de 2020 aumentaron en 93 (ata os 8.780) e cos datos provisionais (xa que cabería facer alegacións dende o Concello) a cifra sube agora ata superar os 8.800. “Estamos moi satisfeitos porque logo de varios anos incrementando o número de habitantes, por fin vemos como se consolida ese aumento deixando atrás anos con saldo negativo, como vén acontecendo en moitas poboacións do interior”, indica o alcalde, Manuel Cuiña. O rexedor lembra a campaña de fomento do empadroamento que se iniciou en 2016 e que deu bos resultados. “Por primeira vez en 2017, un ano despois de poñer en marcha esta iniciativa, logramos un crecemento significativo no padrón”, engade o alcalde.


Esa campaña estaba especialmente enfocada as persoas que aínda residindo en Silleda non figuraban no padrón municipal , de aí o título da campaña: Empadróate en Silleda, porque en Silleda somos máis. “Estaba dirixida sobre todo a concienciar e informar sobre a importancia de estar censado no lugar onde se reside habitualmente”, explica Cuiña,

lembrando que ao inicio da campaña se estimaba que en Silleda había preto de 900 persoas residían no municipio sen estar empadroados nel.


Nos últimos meses tense constatado un notable aumento de novas altas no Padrón “o que dan conta de que Silleda tanto por situación xeográfica como por servizos é un bo lugar para vivir”, remarca o alcalde.


Así mesmo, o mandatario lembra a importancia de seguir incrementando o padrón municipal ao reflexarse este aumento na cantidade que o municipio percibe da Participación de Tributos do Estado (PIE). A falta dos datos finais, e das revisións que se fagan dende o Concello dos datos do padrón, o avance remitido estes días polo INE supón un “gran espaldarazo para o municipio de Silleda”, engade o rexedor.


0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page