Silleda conta cun novo elemento mural nas rúas, ca incorporación do “Espantallo Refugallo”
- Laura Moure
- 4 dic 2021
- 2 Min. de lectura
A creación de Coas mans artesanía foi colocada, en colaboración co Concello, na fachada dun baixo na Avenida do Parque
Laura Moure/Silleda
A vila de Silleda conta dende este venres cun novo referente muralístico, realizado novamente pola firma local Coas mans artesanía, que donou o Espantallo Refugallo, feito con pezas sobrantes de cerámica e vidro doutras creación para disfrute da veciñanza e persoas visitantes.
O espantallo, decorado a modo de mosaico, foi colocado en colaboración co Concello nun baixo sito na avenida do Parque, esquina ca rúa dos Castros, un lugar de paso, por onde discorre ademais o Camiño de Santiago. A creación está baseada nun debuxo do silledense Toño Paz.

Dende o Concello de Silleda e Coas mans Artesanía agradecese tamén a colaboración da familia propietaria da fachada onde se colocou a peza. Ademais, esta colorida creación convida ás persoas que se acheguen a contemplalo a xogar tratando de atopar na figura pequenas pezas representativas, unha forma de fomentar tamén o coñecemento e de promocionar tanto o municipio de Silleda como a cultura galega en xeral.
Unha folla de carballo, pezas relacionadas co Camiño, bailaríns, unha deusa irlandesa do mar, unha árbore da vida…. E así ata 21 elementos a atopar forman parte do xogo que este espantallo convida a descubrir.
O Concello de Silleda agradece esta nova creación de Coas mans artesanía, entidade que veu deixando nos últimos anos pegada nas rúas de Silleda, con pinturas murais e outras creación en distintos espazos, que se están a reparar tamén dende hai varios meses. Así mesmo, a firma de artesanía local, con Toño González Abal e Lucía Ares, está a ultimar outro encargo do Concello de Silleda para a vila da Bandeira, que se colocará nas vindeiras semanas.
Suspensión de actividades de Nadal
Por outra banda, o Concello de Silleda decidiu suspender a Xuntanza de Nadal de Maiores (prevista para o 22) e o Ensaio de Fin de Ano dos Maiores, o día 29 deste mes. "Son actividades que precisaban de inscrición con antelación, e visto o repunte de casos se optou por anular estas dúas celebracións. O resto da programación continuará, de momento, segundo o previsto á espera da posible adopción de medidas en función da situación sociosanitaria".
Comments