top of page

Silleda consegue os terreos para a mellora do Camiño de Santiago ao seu paso polo barrio da Casela, na Bandeira

A alcaldesa mantivo un encontro ca veciñanza á que agradece a cesión das franxas necesarias para a actuación


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda xa conta cos terreos necesarios para levar a cabo a intervención de mellora da mobilidade no barrio da Casela, na localidade da Bandeira, unha actuación que se acometerá a través do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino no Deza e Tabeirós-Montes, que xestiona a Deputación de Pontevedra.


Así mesmo, xa está asinado o convenio entre o Concello e a Deputación, que se encargou da redacción do proxecto e fará a licitación do mesmo, para levar a cabo esta actuación, cun investimento previsto de 223.000 euros. A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, e a concelleira de Cultura e Turismo, Mónica González, mantiveron un un encontro ca veciñanza deste barrio na que agradeceu as cesións feitas tanto por residentes como por persoas propietarias que teñen terrenos neste entorno.

A mellora do tramo, polo que tamén discorre o Camiño de Santiago, virá a mellorar a seguridade neste entorno periurbano. A intervención proposta baséase no desenvolvemento de actuacións para mellorar a transitabilidade das rutas xacobeas para aumentar a seguridade dos peregrinos. A intervención sitúase no barrio da Casela, na localidade da Bandeira, e consiste na adecuación dun tramo coa creación dunha senda peonil, reposición de luminarias, mellora da recollida de pluviais e sinalización nun ámbito de 150 m que vai dende o km 310,000 da estrada N-525 ata os 0,150 km da estrada provincial EP-6511.


O proxecto financiado con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do goberno de España tamén terá un impacto positivo para as persoas residentes neste barrio ao contar un espazo humanizado e que cunha mellora substancial no acceso ás súas vivendas. Os traballos serán licitados pola Deputación de Pontevedra, toda vez que se obteñan as autorizacións sectoriais pertinentes.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

O Plan de Sustentabilidade

Cabe destacar que O Plan de Sostibilidade Turística Deza-Tabeirós/Montes supón o investimento de máis de 600.000 euros de fondos europeos no concello silledense con actuacións singularizadas como esta intervención ou a museografía dixital de Carboeiro e outra xerais como a adecuación e homologación de diferentes itinerarios non motorizados en espazos naturais que afecta á Ruta da Fervenza do Toxa, a sinalización intelixente dos recursos turísticos vinculados aos camiños de Santiago no conxunto da comarca e tamén a para a creación de contidos para portais especializados e redes sociais.




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page