Despois de varios anos agardando, o Concello logra a resolución de Augas de Galicia sobre o que era o maior escollo na tramitación
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda recibiu en días pasadas unha resolución que supón un considerable avance na tramitación do ansiado PXOM. O organismo Augas de Galicia remitiu a
resolución para a concesión das traídas de auga municipais de Silleda e da Bandeira, co que se legalizarían as dúas redes de abastecemento.
Esta era unha das cuestións esixidas dende a Administración autonómica para a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), un documento polo que Silleda leva décadas agardando. “Levamos varios anos agardando a que chegara a resolución para legalizar as traídas municipais, unha cuestión que despois da aprobación
provisional do plan suponía o principal escollo para contar co documento urbanístico”, explica o alcalde Manuel Cuiña, lembrando o mazazo que supuxo para Silleda a sentenza do Tribunal Supremo que anulou hai uns anos os planeamentos de Verín e Monterrei.
Seguindo as directrices deste fallo xudicial, a Consellería de Medio Ambiente e do Territorio, esixiu no ano 2017 ao Concello de Silleda garantir no planeamento a reserva de recursos hídricos, cuestión que pasaba pola legalización das traídas municipais.
A resolución que vén de remitirse inclue unha serie de condicionantes que, unha vez resoltos, suporá a legalización das traídas de Silleda –autorizada por varios ministerios no ano 1956-e a da Bandeira, que executou nos anos 60 a Confederación Hidrográfica. “Unha vez legalizadas, agardamos que Augas de Galicia emita canto antes o seu informe sobre o PXOM de Silleda”, sinala Cuiña, o que suporá un dos últimos trámites para a aprobación definitiva do ansiado PXOM.
O planeamento silledense aprobouse provisionalmente en pleno o 18 de marzo de 2016. Pouco despois, a citada sentenza e as consecuencias derivadas da mesma ralentizaron a tramitación, e en xaneiro de 2019, a Consellería do Medio Ambiente e Territorio denegaba a aprobación final. “Agardamos que esta resolución e o informe que debe emitir o organismo
Augas de Galicia sexa o principio do fin para conseguir un documento clave para o futuro do noso municipio”, remarca o alcalde.
Comments