Silleda, concello pioneiro na implantación dun plan de saúde mental a nivel municipal
- Laura Moure
- 12 oct 2024
- 3 Min. de lectura
A iniciativa ten como obxectivo fortalecer o benestar emocional da cidadanía a través de varias medidas integrais
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de convertirse no primeiro municipio da súa categoría en contar cun plan de saúde mental. A iniciativa, con distintas medidas ata o ano 2027, conta cun programa ambicioso que ten como obxectivo fortalecer a saúde mental da cidadanía mediante unha serie de medidas integrais que cubran as necesidades de diversos grupos de poboación.

A concelleira de Benestar e Sanidade, Ángela Troitiño, foi a encargada de desgranar as claves do plan no acto celebrado onte na Casa do Concello, un programa que se sustenta en cinco liñas de actuación que abordan dende a prevención de problemas de saúde mental ata a atención específica a colectivos especialmente vulnerables, asegurando un enfoque adaptado á realidade local.
Así, ademais das actuacións para a poboación en xeral, con accións en materia de autocoidado, orientación laboral ou creación de redes de apoio con entidades do terceiro sector, o Plan Municipal de Saúde Mental de Saúde de Silleda, contempla actuacións específicas para as persoas maiores, as mulleres, colectivos como a infancia e a adolescencia e outros grupos que polas súas circunstancias presentan unha maior vulnerabilidade emocional (Policía Local, traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar, persoas inmigrantes...)
Un dos eixos centrais será o programa “Silleda Acompáñate”, un servizo que se establece como vertebrador das accións relacionadas coa saúde mental no municipio. “Silleda Acompáñate” ofrecerá un servizo de orientación e asesoramento psicolóxico, accesible para toda a cidadanía, e dende o que se levará a cabo unha avaliación das necesidades emocionais das persoas usuarias para, de ser necesario, derivalas a servizos especializados. “Así mesmo, tamén se farán campañas para fomentar o autocoidado con
accións específicas como sesións e obradoiros sobre autocoidado físimo e mental, actividades en centros educativos e se instarán puntos de información en espazos públicos como partues, centro de saúde ou outras áreas con recomendacións sobre o exercicio ao aire libre e de relaxación”, indicou a concelleira.
O acto contou cas intervencións de tres especialistas sillendenses en distintas áreas. Así, Raquel Romero, Técnica Superior en Dietética e Nutrición e coach nutricional, explicou a relación entre a alimentación e a saúde mental, subliñando como unha dieta equilibrada pode impactar positivamente no noso benestar emocional. Pola súa banda o fisioterapetua e propietario de e Heia Fisioterapia, Gustavo González, abordou a importancia da actividade física para manter un bo estado mental, facendo fincapé na conexión entre corpo e mente. Finalmente, Noemí Rilo, licenciada en Ciencias Sociais e emprendedora coa apertura do centro Voilá para o coidado emocional, ofreceu a súa visión sobre
o impacto social do benestar emocional e a súa relación co éxito persoal e profesional.
Publicidade
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, clausurou o acto de presentación agradecendo a presenza dos representantes de distintos colectivos e dos especialistas que interviron no acto. “Pese a ser un piar fundamental para o benestar das persoas, a saúde mental se infravalora en moitas ocasións dificultando o día día”, indicou “por iso dende o Concello de Silleda e asumindo un dos nosos compromisos como goberno, decidimos apostar por este plan, con que non só se busca previr a aparición de problemas relacionados ca saúde mental senon tamén promover un estilo de vida saudable no que o benestar emocional sexa unha prioridade compartida”, engadiu.
O lanzamento oficial do Plan Municipal de Saúde Mental 2024-2027, reafirma o compromiso do Concello de Silleda coa saúde mental e o benestar da súa veciñanza.
コメント