Tamén se valora a creación dun rexistro municipal de familias acolledoras, así como a formación destas e de persoal do departamento
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda colaborará ca Asociación Galega de Familias de Acollida, Acougo, para o fomento do réxime de acollemento familiar. A concelleira de Benestar e Educación, Ángela Troitiño, e a Educadora Social do Concello, Sara Blanco, mantiveron un encontro con Carmen Dourado, membro do colectivo, nunha primeira toma de contacto para explorar vías de colaboración.
Troitiño, Blanco e Dourado durante a reunión.
O obxectivo é fomentar, informar e difundir os programas de acollemento familiar, a través da iniciativa que leva por título Contigo florece, xerando cultura do acollemento. Dende o Concello de Silleda xa hai un compromiso para visibilizar estas medidas, e favorecer –na medida do posible- mediante unha discriminación positiva, ás familias que queiran acoller menores.
Outra das posibilidades que se abren é a de contar cun rexistro municipal de familias acolledoras en Silleda, así como a formación daquelas que opten por sumarse á iniciativa e do personal do departamento municipal.
A Asociación Galega de Familias de Acollida, Acougo, formouse a partir das necesidades dun grupo de familias que optaron por involucrarse en maior medida na defensa dos dereitos das persoas menores de idade que están no sistema de protección público. Por isto acordaron asociarse en 2019 e así establecer un marco organizado e formal para colaborar e apoiar a Administración e a outras entidades integrantes no sistema formal que traballa en prol dos menores.
O acollemento familiar é unha medida de protección que se aplica a aqueles nenos, nenas e adolescentes que, por distintas circunstancias, foron separados das súas familias biolóxicas durante un tempo, o non poder ser coidados por elas axeitadamente. O obxectivo do programa Contigo Florece é achegar á sociedade a realidade das nenas, nenos e adolescentes en situación de desprotección e, a partir de ahí, tratar cas familias acolledoras ou potencialmente acolledoras para ofrecer a preparación, orientación, o acompañamento e o apoio para dotalas de competencias no manexo das dificultades e necesidades específicas dos menores acollidos.
“Consideramos que o acollemento familiar é unha ferramenta moi útil para o benestar das persoas menores que están no sistema de protección público. O noso compromiso é colaborar con esta entidade e difundir entre a poboación o programa”, indica a concelleira Ángela Troitiño.
Comentários