Silleda celebra o vindeiro sábado día 20 a Festa da Árbore dos Chupetes
- Laura Moure

- 13 sept 2025
- 1 min de lectura
Inclúe unha merenda saudable con froita fresca e xogos e animación para todas as idades, xa que está aberta a nenos e nenas de 0 a 5 anos e as súas familias
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda organiza o vindeiro sábado 20 de setembro a segunda edición da Festa da Árbore dos Chupetes, unha iniciativa pensada para crianzas de 0 a 5 anos e as súas familias. A cita celebrarase a partir das 17:00 horas neste céntrico espazo, que se estreaba o pasado ano co obxectivo de crear un lugar simbólico no que os nenos e nenas
poidan deixar os seus chupetes nun momento especial de transición.

A festa, que o pasado ano serviu para a estrea da árbore dos chupetes, celebrarase nesta ocasión coincidindo co inicio do curso escolar, compartindo xogos, ledicia e momentos en familia.
O programa inclúe unha merenda saudable con froita fresca, ademais de xogos e animación para todas as idades, xa que a convocatoria está aberta a nenos e nenas de 0 a 5 anos e as súas familias.
Publicidade
“Con esta iniciativa buscamos que as familias dispoñan dun momento especial para compartir cos máis pequenos un cambio importante na súa etapa de crecemento, reforzando tamén a convivencia, a creatividade e a ilusión a través do xogo”, sinala a concelleira de Benestar e Educación, Ángela Troitiño.
A Árbore dos Chupetes, situada na Praza Benito Rivas, está xa a converterse nun referente simbólico de Silleda, un lugar cargado de emocións, lembranzas e novos comezos para as crianzas.







Comentarios