top of page

Silleda celebra a primeira adopción no marco do Plan de Xestión de Colonias Felinas

Este Concello sumarase á Rede de entidades locais Gandeiro cárnicas da FEMP


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda vén de rexistrar a primeira adopción de gatos dentro do Plan de Xestión de Colonias Felinas posto en marcha nos últimos meses. Esta primeira acción tivo lugar na colonia felina de Refoxos, onde dous dos gatos foron trasladados en acollida á cidade de Pontevedra grazas á colaboración dunha das 14 persoas voluntarias que

participan activamente neste plan.

A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, quixo agradecer persoalmente este xesto á voluntaria promotora da adopción, así como a todo o grupo de veciños e veciñas que, de maneira totalmente desinteresada, están a contribuír a facer realidade este proxecto. “O traballo das persoas voluntarias está sendo esencial para garantir o benestar dos animais e para avanzar cara a unha convivencia máis harmoniosa coa presenza dos gatos nas nosas rúas”, sinalou a rexedora.


O Plan de Xestión de Colonias Felinas inclúe medidas baseadas no método CER/CEVR (Captura, Esterilización, Retorno/Vacinación), e busca non só controlar a poboación felina, senón tamén mellorar as condicións de vida dos gatos e das propias colonias, a través da limpeza, alimentación controlada e vixilancia sanitaria.


Desde o Concello insisten na importancia da colaboración veciñal, e lembran que continúa aberto o proceso para que máis persoas poidan darse de alta como colaboradoras autorizadas a través da web municipal ou da sede electrónica.


Con iniciativas coma esta, Silleda avanza con paso firme cara a un modelo de xestión ética e responsable das súas colonias felinas, cun compromiso firme co benestar animal e coa implicación directa da cidadanía.


Por outra banda, O Concello de Silleda, a través da Concellería de Medio Rural, que dirixe Asunción García, está a traballar na incorporación á Rede de Entidades Locais Gandeiro-Cárnicas impulsada pola FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias), unha iniciativa que busca crear un espazo de colaboración e impulso para os territorios vinculados ao sector gandeiro e á industria cárnica.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Esta rede pretende visibilizar o papel das entidades locais no desenvolvemento sostible do sector, promover boas prácticas, favorecer a innovación e crear sinerxías entre municipios que comparten retos e oportunidades neste eido. A adhesión a esta iniciativa supón tamén un recoñecemento ao peso económico e social que ten a gandería no territorio.


O Concello de Silleda, con forte tradición agrogandeira, considera que esta proposta encaixa co traballo que xa se vén realizando desde o goberno local para apoiar ao sector primario, fixar poboación no rural e impulsar unha economía ligada aos recursos endóxenos. “Cubrimos xa a enquisa inicial que nos facilitou a FEMP e valoramos moi

positivamente sumarnos a esta rede, que pode ser unha ferramenta útil para darlle visibilidade ao noso potencial e acceder a novos recursos ou proxectos de colaboración”, sinala a concelleira de Medio Rural, Asunción García.


Desde a Concellería xa se están a realizar os trámites oportunos para a adhesión, que deberá someterse á aprobación do Pleno, considerando ademais que esta alianza podería permitir a participación en encontros, formacións e proxectos de interese común cos que mellorar a competitividade e sostibilidade do sector gandeiro no municipio.


“Silleda é un referente na produción agrogandeira e queremos seguir estando presentes nos espazos nos que se defina o futuro do sector. A unión entre municipios pode ser clave para defender os intereses do rural e avanzar cara a unha economía máis xusta e sostible”, engade a concelleira.


A Rede de Entidades Locais Gandeiro-Cárnicas forma parte das actuacións da FEMP co obxectivo de dinamizar o medio rural e apoiar ás entidades locais que apostan polo desenvolvemento económico ligado á produción primaria, a transformación e a comercialización de produtos cárnicos de calidade.





Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page