A cifra tanto por alta de autónomos como por apertura de local increméntase en 300 euros e o máximo subvencionable alcanza os 4.200 euros
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda volve a apostar polo apoio ás persoas emprendedoras, ca continuidade do Plan Municipal de Axuda á Creación de Emprego, que dende o ano 2015 axudou á posta en marcha de 40 proxectos empresariais.

O departamento municipal de Emprego, que dirixe Pili Peón, elaborou as bases que rexerán este ano a concesión destas axudas, e que se someterán á aprobación no Pleno ordinario deste xoves. Se ben as condicións son similiares ás de convocatorias anteriores (podendo solicitar estas axudas aquelas persoas que estén en situación de desemprego e queiran emprender proxectos pola súa conta), as contías aumentan respecto a anos anteriores.
Así, a axuda por apertura de local comercial pasa de 300 a 600 euros, e a Alta no Réxime de Cotización de Autónomos de 600 a 900 euros. Así, modifícase o importe máximo da axuda, que pasa de 3.600 a 4.200 euros. Ademais, trátase dun programa programa no que se valora a maiores a perspectiva de xénero, con discriminación positiva no apartado referido á contratación de persoal.
O Plan Municipal de Axuda á Creación de Emprego iniciouse no 2015 como unha das grandes apostas do goberno municipal de Silleda para fomentar a creación de emprego. “Calquera silledense que esté en situación de desemprego e queira emprender un negocio en Silleda conta con estas axudas a fondo perdido, sempre que cumpra as condicións establecidas nas bases”, lembra a concelleira. “Agardamos un respaldo unánime para aprobar estas bases, que consensuamos no seu día todos os grupos da Corporación, e este ano propóñense con novas melloras”, indica a edil.
Comentários