É unha cita que recolle o compromiso das entidades locais convocada pola Deputación de Pontevedra
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda foi un dos protagonistas da xornada técnica da Deputación de Pontevedra baixo o título Cooperación e compromiso dende as entidades locais cara a un
modelo sen residuos electrónicos e eléctricos, celebrada onte no auditorio municipal de Vilagarcía. A concelleira de Medio Ambiente, Pili Peón, participou nas presentacións
dos distintos municipios sobre boas prácticas nesta xestión, neste caso a través do programa ESTRAEE levado a cabo no municipio con este programa da Deputación.
Peón expuxo as actuacións levadas a cabo en Silleda, ca mellora e ampliación das instalacións do Punto Limpo, xunto ao concelleiro de obras de Vilagarcía, Lino Mouriño, José Matos, técnico da Cámara Municipal de Maia, en Portugal, e a moderadora María do Ceu Silva, técnica de proxectos de LIPOR.

A xornada, foi inaugurada pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, o alcalde de Vilagarcía e presidente da Fegamp, Alberto Varela e polo director executivo da LIPOR, Fernando Leite.
O proxecto europeo ESTRAEE, liderado pola Deputación de Pontevedra xunto a Energylab, Revertia, ERP e Lipor, inxectou máis de dous millóns de euros para mellorar mediante obras, novos equipamentos, normativa e aplicacións, a reutilización e reciclaxe dos residuos de aparelllos eléctricos e electrónicos (denominados RAEE) en Galicia e o norte de Portugal.
ESTRAEE (Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparatos Eléctricos e Electrónicos), cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER a través do programa POCTEP, desenvólvese en nove ecocentros de España e nove de Portugal. O modelo aspira a converterse nun modelo en Europa da xestión responsable destes residuos.
A área de intervención do proxecto comprende, na provincia de Pontevedra, os concellos de A Guarda, A Lama, Mancomunidade do Morrazo, Gondomar, Meaño, Nigrán, Ponteareas, Silleda e Vilagarcía de Arousa. En Portugal desenvólvese en Cal, Custóias, Formiga, Moreira, Nogueria, Prelada, Sendim, Silvalde e Valongo.
Comentários