top of page

Silleda asina un acordo co Consorcio da Zona Franca de Vigo para elaborar un plan estratéxico

Será posto en marcha en relación coa comarca de Deza, que contribuirá a unha mellora da competitividade da devandita contorna


Laura Moure/Silleda

O Consorcio da Zona Franca poñerá en marcha o desenvolvemento dun plan estratéxico para o termo municipal de Silleda, posto en relación coa comarca do Deza, que contribuirá a unha mellora da competitividade da devandita contorna. Un dos ámbitos de actuación do Consorcio é a análise e xeración de coñecemento coa monitorización da actividade económica para poder tomar decisións e establecer os mecanismos necesarios para a e a mellora da competitividade do contorna.


Neste senso, o delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, asinou este xoves en Silleda un acordo co seu alcalde, Manuel Cuiña, para realizar o devandito traballo de análise, que permitirá establecer os mecanismos para a toma de decisións que permitan a mellora da competitividade e impulsar actividades de impacto positivo no crecemento económico, a xeración de emprego e a sustentabilidade a longo prazo.

O obxecto do protocolo é o establecemento dun marco xeral no que definir a colaboración das institucións asinantes en orde á elaboración dun plan estratéxico da agrupación dos concellos do Deza (Dozón, Agolada, Lalín, Vila de Cruces, Rodeiro, Silleda), que inclúa un exhaustivo diagnóstico territorial, os obxectivos estratéxicos e unha folla de ruta con actuacións específicas, claras e realistas para a mellora da competitividade económica e a calidade de vida da mesma.


O traballo comezará cun diagnóstico estratéxico con toda a información e datos obxectivos do municipio e da súa contorna. Non só analizarase a economía, o tecido empresarial e a situación social, demográfica, tecnolóxica ou ambiental, senón tamén a repercusión da crise da Covid-19. A información sintetizarase nunha matriz DAFO, cun informe final que incluirá cada sector, áreas económicas e o futuro potencial que ten o concello de Silleda e a súa repercusión no desenvolvemento económico na súa área.


Duración máxima de catro anos

O plan terá una duración máxima de catro anos e terá a visión dos expertos e da economía da zona para recompilar opinións, percepcións e ideas de axentes e entidades público-privadas relevantes sobre a situación actual e os retos futuros. Tamén se estudarán casos de éxito, modelos similares no mundo, para traer eses exemplos que poidan ser inspiradores.


O delegado da Zona Franca manifestou que "o Consorcio desexa contar cunha folla de ruta para o establecemento de actuacións individuais ou en colaboración con outros axentes económicos e sociais que permita, coa máxima eficiencia e aproveitamento dos recursos públicos, despregar accións de calado que revertan no desenvolvemento económico e creación de emprego na súa área de influencia".


Pola súa banda, o alcalde de Silleda, Manuel Cuiña Fernández, destacou que a sinatura deste convenio supón a apertura de novas oportunidades para o tecido empresarial do municipio. “O apoio da Zona Franca suporá un antes e un despois para o empresariado silledense", indicou o rexedor destacando as posibilidades en ámbitos como a innovación ou o emprendemento, impulsando ao mesmo tempo a dinamización económica e social do municipio e da comarca de Deza. De cara á consecución dos obxectivos previstos, as partes acordaron constituír un grupo de traballo paritario que estará integrado por técnicos e profesionais designados para tal efecto, sendo o seu número mínimo de tres representantes por cada parte.


Tras a sinatura, o delegado de Zona Franca, acompañado polo alcalde de Silleda, visitaron as instalacións do Viveiro de Empresas. Durante o percorrido, Cuiña explicou que, aínda que as obras do edificio finalizaron a finais do ano 2019, a pandemia freou a súa posta en marcha. A súa apertura está prevista se produza proximamente. O edificio destinado a viveiro de empresas no Polígono Área 33 conta cunha única planta e está situado nunha parcela municipal xunto á rotonda do polígono silledense. O espazo dará acubillo, principalmente, a empresas tecnolóxicas ou de servizos. Ademais, oferta espazos de traballo para emprendedores e servirá, doutra banda, como lugar de encontro e reunión de profesionais.


David Regades explicou que A Zona Franca dispón de Viveiros de Empresas situados nos seus diferentes parques empresariais polo que puxo ao dispor do Concello a experiencia e os coñecementos dos que dispón a Zona Franca para o que estimen necesario.




Kommentare


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page