Laura Moure/Silleda
O executivo municipal de Silleda aprobou onte na sesión da Xunta de Goberno Local senllos convenios de colaboración para subvencionar ás dúas bandas de música do municipio, cun total de 35.000 euros. Así, deuse luz verde ao convenio ca Banda de Música Municipal de Silleda, por importe de 20.000 euros para financiar actividades que realiza o colectivo. No caso da Banda Recreativa e Cultural da Bandeira o importe é de 15.000 euros.

Trátase de dúas subvencións nominativas que xa se veñen realizando nos últimos tres anos, cunha fórmula máis vantaxosa e áxil para que as formacións poidan percibir esta axuda a través das subvencións municipais. Dende o goberno destácase a gran labor realizada por estes colectivos, que ademais da súa actividade e actuacións no plano cultural se encargan de senllos centros da Escola de Música Municipal de Silleda, con sedes en Silleda e na Bandeira, que superan os 200 alumnos e alumnas.
Nos vindeiros días aprobarase tamén a convocatoria das axudas a colectivos culturais, veciñais e entidades deportivas, para as que se repartirán, neste caso en réxime de concorrencia competitiva, un total de 66.000 euros. Onte mesmo rematou o prazo de exposición das bases reguladoras das tres liñas de subvención, polo que unha vez publicada a convocatoria quedará aberto o prazo de solicitudes.
“En total son máis de 100.000 euros os que o Concello de Silleda destina, sen contar outros apoios en distintas celebracións, aos nosos colectivos culturais, veciñais e deportivos”.
Comentários