top of page

Silleda apoia a folga no Servizo de Axuda no Fogar, para a que se estableceron xa servizos mínimos

Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda informa que, con motivo da folga autonómica convocada pola CIG para hoxe, mércores, 13 de agosto, no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), logo do asasinato dunha traballadora no Porriño o pasado 30 de xullo, estableceranse servizos mínimos para garantir a atención esencial ás persoas usuarias máis vulnerables.

Segundo a comunicación oficial remitida polo departamento de Persoal, un total de 7 das 30 auxiliares que integran a plantilla cubrirán estes servizos mínimos, prestando atención básica a 28 das 59 persoas usuarias. A selección realizouse priorizando casos de maior dependencia e vulnerabilidade, contando coas traballadoras que manifestaron voluntariamente a súa dispoñibilidade. Todas estas medidas foron tamén comunicadas ás familias das persoas usuarias.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, quixo amosar “o total apoio do Concello ao colectivo de traballadoras do SAF, recoñecendo o seu labor esencial e condenando de maneira rotunda calquera acto de violencia que poida afectar ao seu benestar e seguridade”.


Fernández Pena lembrou que xa no pasado mes de xuño se mantuvo unha reunión cas representantes sindicais, na que se falou, entre outras cuestión da redacción dun protocolo municipal ante posibles casos de agresións, “un documento no que xa se está a traballar e que complementaremos coas medidas que poidan vir da man da Xunta de Galicia e da Fegamp, que xa anunciaron iniciativas neste senso”.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

O Concello, que xestiona directamente o servizo desde 2022, tamén lembra que no marco da máxima de “coidar de quen coida” se veñen impartindo cursos de formación ás traballadoras, tanto para mellorar as súas competencias profesionais como para incrementar as condicións de seguridade no traballo. Así mesmo, ofrécese atención psicolóxica ao persoal que o precise. “Temos a obriga institucional e moral de velar polas mellores condicións posibles para quen desenvolve unha labor tan importante como é o coidado das nosas persoas maiores e dependentes. É unha prioridade para este Goberno local”, concluíu a rexedora.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page