top of page

Silleda anfitriona un ano máis unha xornada creativa do proxecto EpDLab

É unha xornada de encontro e creatividade promovido pola ONGD Agareso e nela participaron unhas 100 persoas



Laura Moure/Silleda

O Auditorio da Bandeira (Silleda) foi escenario este mércores 9 de abril dunha xornada de encontro e creatividade do programa educativo EpDLab, promovido pola ONGD Agareso. O evento contou coa participación de preto de 100 persoas entre alumnado e profesorado de cinco centros educativos galegos, entre eles o IES Pintor Colmeiro de Silleda. O encontro, que se levou a cabo en horario de 11:00 a 17:00 horas, enmárcase no décimo aniversario deste proxecto pioneiro de educación mediática e cidadanía global, que leva unha década presente nas aulas galegas, promovendo valores como a convivencia, o bo trato e a xestión positiva dos conflitos.

ree

A alcaldesa de Silleda, Paula Mª Fernández Pena, e a concelleira da Área de Benestar, Ángela Troitiño Gil, recibiron ao alumnado participante ao comezo da xornada, que inclúe dinámicas en grupo, creación de contidos audiovisuais, xogos e unha exposición final dos traballos realizados.


Os temas abordados polos rapaces e rapazas durante a actividade foron escollidos por eles mesmos ao inicio do curso, e inclúen cuestións de grande relevancia como a saúde mental e o benestar, o medio ambiente, o dereito á educación, o activismo e o cambio social, así como a convivencia e o bo trato.


Ao longo destes dez anos, EpDLab ten contado coa participación de máis de 800 alumnos e alumnas de toda Galicia, así como dunha rede de 70 docentes implicados na súa implementación. O proxecto, coordinado por Agareso e financiado por Cooperación Galega, colabora tamén coa Universidade de Santiago de Compostela e ten sido presentado en máis de 30 congresos especializados.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

"Dende o Concello de Silleda, amosamos a nosa satisfacción por acoller esta actividade que aposta pola innovación educativa e a participación activa da mocidade, promovendo espazos de encontro e aprendizaxe compartida. O evento conta tamén coa colaboración da Sociedade Deportiva Bandeira, e todos os produtos audiovisuais elaborados polas e polos participantes formarán parte dun arquivo creativo que amosa a visión de futuro da mocidade galega".




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page