Silleda ampliará o parque de maquinaria cun novo remolque e unha trituradora
- Laura Moure
- 11 jun 2024
- 1 Min. de lectura
Esta dotación supón un investimento total de 33.698 euros
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda ampliará a maquinaria municipal destinada á limpeza e mellora dos camiños rurais, coa compra dun remolque de gran capacidade, así como unha trituradora polivalente lateral. Ambas máquinas serán destinadas a actuacións de protección do
ambiente e do espazo natural, incluídas aquelas actuacións que teñen por obxecto a prevención, extinción e xestión de situacións de sinistro ou risco.

Este equipamento utilizarase polos servizos de medio ambiente e o persoal de vías e obras para realizar principalmente as tarefas de limpeza de todos os espazos naturais así como faixas secundarias e terciarias, noiros de camiños e pistas de titularidade municipal. Tamén se destinará ao transporte de restos vexetais.
A maquinaria, que ten un custe de 33.698,50 euros, financiarase a cargo dunha axuda de 33.698,50 euros, recibida a través da liña en concorrencia non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2024, da Xunta de Galicia.
Publicidade
O remolque será modular de 1 eixo, con porta traseira hidráulica, acabado en chapa de piso de hardox (aceiro resistente ao desgaste) e chasis de tubo estrutural. A trituradora será polivalente lateral e terá un ancho de traballo de 1.80 m, sendo o ancho total de 2.20 m. Disporá de 16 martelos cun peso total de 1.130 kg.
Publicidade
Esta adquisición ven a ratificar o compromiso do Concello de Silleda, que dende o 2019 está adherido ao Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía, o que conleva unha clara aliñación coa Axenda 2030, que se está a desenvolver no municipio, agora mesmo coa fase de participación da veciñanza a través de enquisas.
Comments