Silleda adxudica por máis de 205.000 € as obras de mellora dos accesos a Mourelos e Meixomence
- Laura Moure

- 19 jul
- 3 min de lectura
A actuación permitirá renovar os pavimentos, mellorar a recollida das augas pluviais e incrementar a seguridade viaria, dando resposta ás necesidades trasladadas pola veciñanza nas reunións celebradas para explicar o proxecto
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de adxudicar as obras de mellora dos accesos e dos núcleos de Mourelos e Meixomence á empresa Construcciones y Obras Taboada Ramos SLU por un importe total de 205.644,80 euros, IVE incluído. A actuación conta cun prazo máximo de execución de seis meses, que comezará a contar desde a sinatura da acta de comprobación do replanteo.
A adxudicación inclúe tamén, como melloras ofertadas pola empresa, a execución de 220 metros adicionais de cuneta de seguridade e a instalación de oito elementos metálicos para a suxeición dos colectores de residuos.

A alcaldesa, Paula Fernández Pena, destaca que a adxudicación supón "un paso definitivo para facer realidade un proxecto moi agardado, que presentamos e explicamos directamente á veciñanza antes de iniciar a súa tramitación. Non queriamos limitar esta actuación a botar unha nova capa de aglomerado. Falamos cos veciños e veciñas, analizamos sobre o terreo os problemas existentes e preparamos un proxecto integral, que atende tanto ao estado dos pavimentos como á seguridade, ás drenaxes e á evacuación das augas".
Unha intervención integral en Mourelos
En Mourelos actuarase tanto nos viarios de acceso como nas vías interiores do núcleo. Nos accesos renovaranse catro treitos que suman arredor de 1.160 metros, fundamentalmente mediante aglomerado en quente, bacheo previo e tratamentos
asfálticos. No interior do núcleo demolerase o pavimento existente e executarase unha nova superficie de zahorra e formigón. Tamén se instalará unha nova rede de canalización
de augas pluviais, con tubaxes, arquetas sumidoiro e canles de fundición.
PUBLICIDADE
O proxecto contempla, ademais, a construción de 340 metros de cunetas de seguridade, a substitución dunha obra de drenaxe por un caño de formigón de 1,8 metros de diámetro e a execución de dous muros de pedra granítica. Completarase a intervención coa limpeza de gabias e salvagabias e coa correspondente sinalización horizontal.
Mellora da seguridade e do firme en Meixomence
En Meixomence renovarase un viario composto por tres treitos, xunto cos seus abanicos e zonas de conexión, empregando aglomerado en quente, grava e tratamento asfáltico en función do estado e das características de cada zona. A actuación inclúe tamén 100 metros de cuneta de seguridade, outros 25 metros de cuneta trapezoidal de formigón, a limpeza dos sistemas de drenaxe e a renovación da sinalización horizontal.
O proxecto foi presentado previamente á veciñanza de ambos os lugares. No mes de marzo, o goberno municipal mantivo encontros nos núcleos para explicar as solucións previstas e coñecer directamente as valoracións das persoas residentes.
No caso de Meixomence, a reunión serviu para detallar as actuacións nos accesos e nos viarios interiores; en Mourelos, o Concello explicou sobre o propio terreo o alcance dunha intervención que a veciñanza levaba tempo demandando. Paula Fernández subliña que esta obra forma parte da aposta do goberno municipal por mellorar as infraestruturas básicas das parroquias. "Investir no rural é garantir igualdade. Significa que unha persoa, viva onde viva dentro do concello, teña accesos seguros, bos servizos e infraestruturas públicas en condicións", afirma a alcaldesa.
PUBLICIDADE
Engade que "son actuacións que posiblemente non teñen a visibilidade dunha grande obra no centro urbano, pero que cambian de maneira directa a vida diaria da veciñanza: facilitan os desprazamentos, melloran o acceso ás vivendas e explotacións e evitan problemas coa auga e co deterioro dos camiños".
A actuación está financiada con cargo ao Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra, que concedeu ao Concello unha achega de 240.000 euros para desenvolver o proxecto. "Desde o Concello fixemos o traballo previo: escoitamos á veciñanza, redactamos o proxecto, buscamos o financiamento e completamos a contratación. Agora entramos
xa na fase de execución, que é o que realmente importa: que as obras comecen e que as melloras se vexan sobre o terreo", conclúe Paula Fernández.








Comentarios