Silleda adxudica a Hermanos Villar a adquisición do remolque e trituradora polivalente
- Laura Moure
- 27 ago 2024
- 2 Min. de lectura
O novo equipamento reforzará e mellorará o traballo dos departamentos municipais
Laura Moure/Silleda
O goberno municipal de Silleda vén de adxudicar á empresa Hermanos Villar A. U. S. L o subministro de dous novos equipamentos: un remolque e unha trituradora polivalente lateral, por importe de 30.504,10 euros, IVE engadido. Esta nova maquinaria será destinada a actuacións de protección do ambiente e do espazo natural, incluídas aquelas actuacións que teñen por obxecto a prevención, extinción e xestión de situacións de sinistro ou risco.
En concreto, o remolque modular de 1 eixo, instalarase nun dos tractores municipais e destinarase a tarefas de apoio para a apertura de cunetas. Este remolque vén a completar a flota municipal de obras que xa se ampliou o pasado ano ca compra dun camión, unha extendedeira de asfalto e un pisón. “Con esta complementarase o servizo no departamento de Vías e Obras, ao facilitar a apertura de cunetas previas aos traballos de mellora viaria”, di a alcaldesa Paula Fernández Pena. Neste equipamento inclúese tamén un portón traseiro abatible para facilitar as tarefas de carga e descarga.

Á adquisición do remolque súmase a contratación para o subministro dunha trituradora polivalente lateral, que se acoplará a outro dos tractores permitindo maior velocidade de actuación nos traballos de desbroce.
Este ano hai seis tractores desbrozando o territorio, tres municipais e tres da empresa contratada para o reforzo de verán, e con este novo accesorio mellorarase aínda máis o servizo ao ter un ancho total de traballo de 2.200 metros, reducindo o número de pasadas necesarias , co que “axilizaremos o traballo do personal municipal”, engade a alcaldesa, Paula Fernández.
Publicidade
Este equipamento utilizarase polos servizos de medio ambiente e xardinería do Concello de Silleda; destinarase principalmente a tarefas de limpeza de todos os espazos naturais así como faixas secundarias e terciarias, noiros de camiños e pistas de titularidade municipal, etc., así como ao transporte de restos vexetais.
Comments