top of page

Silleda activa unha nova edición do certame #VaiDeParroquias

As persoas que completen o reto entrarán no sorteo dunha estadía de 4 días en autocaravana para 4 persoas


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda, a través da Concellaría de Cultura, pon en marcha unha nova edición do certame #VaiDeParroquias, unha iniciativa xa consolidada na programación do Nadal e que busca fomentar a participación veciñal, dinamizar o territorio e poñer en valor a riqueza das 33 parroquias do municipio. Baixo o lema “Misión Elfos 33: na procura dos agasallos perdidos”, o concurso desta edición propón unha aventura lúdica por todo o termo municipal na que as persoas participantes deberán atopar os 33 elfos agochados en diferentes localizacións de interese, fotografarse con cada un deles e completar a lámina do Obradoiro de Xoguetes —dispoñible na web municipal— cos números asignados a cada elfo. A imaxe oficial do certame, que recrea un taller cheo de elfos en plena actividade, marca a estética da campaña deste ano.

O obxectivo do certame mantén a súa esencia: promover a interacción social, reforzar o sentimento de pertenza e impulsar o coñecemento do patrimonio local, ademais de incentivar un turismo de proximidade, convidando á veciñanza e visitantes a descubrir Silleda dun xeito divertido e participativo.


Como participar

Segundo recollen as bases da convocatoria, que xa están dispoñibles na web municipal (www.silleda.gal ), poden participar todas as persoas maiores de idade que formalicen a súa inscrición a través do formulario dispoñible na web. Non poderán inscribirse aquelas que resultaron gañadoras na edición anterior.

 Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

A dinámica do concurso consiste en Descargar a lámina do Obradoiro de Xoguetes e o mapa con pistas na web municipal, localizar os 33 elfos distribuídos polas parroquias, fotografarse con cada un deles, cubrir a lámina co número correspondente a cada figura e por ultimo enviar as 33 fotos e a lámina completa ao correo cultura@silleda.gal, xunto co formulario asinado. A documentación poderá enviarse ata o 2 de xaneiro ás 23:59 horas.


Un premio para seguir descubrindo o territorio

As persoas que completen o reto entrarán no sorteo dunha estadía de 4 días en autocaravana para 4 persoas, para desfrutar en tempada baixa de 2026. O sorteo será público e celebrarase o xoves 8 de xaneiro de 2025 ás 20:00 horas no Salón de Actos da Casa do Concello.


Unha iniciativa que medra cada ano

Tal e como se recollía nas edicións anteriores do certame , #VaiDeParroquias converteuse nunha proposta especialmente agardada pola veciñanza, que combina actividade física, convivencia interxeracional e descubrimento do medio rural. Nesta ocasión, o cambio temático —dos buzóns máxicos do ano pasado aos elfos do taller de xoguetes— incorpora un elemento máis visual, aventureiro e vinculado á maxia do Nadal.


Publicidade

Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!
Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!

Dende o Concello de Silleda, a alcaldesa, Paula Fernández, anima á cidadanía a participar. “#VaiDeParroquias é unha oportunidade para redescubrir quen somos como comunidade. Cada parroquia ten un valor único, e este certame convértese ano tras ano nun xeito divertido, familiar e participativo de vivir o Nadal en Silleda”. Destaca tamén que iniciativas coma esta permiten “activar o territorio, apoiar o rural e ofrecer un Nadal diferente que pon en valor o noso patrimonio humano, cultural e natural”.


Silleda Fai Nadal, con máis de 3.500 euros en premios para o comercio

Por outra banda, tamén no marco da programación de Nadal que será presentada nos vindeiros días, segue aberto ata o vindeiro luns día 24 o prazo para participar no certame de decoración Silleda Fai Nadal, que alcanza xa a súa sexta edición. En total repartiranse 3.525 euros, consistentes en vales para consumir no comercio e a hostalería local.




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page